Concello de Narón
Novas
UNS 300 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN MAÑÁ NO ACUATLÓN CIDADE DE NARÓN
O Concello colabora coa AD Náutico de Narón na organización do evento, que se desenvolverá en Xuvia
Narón, 19 de setembro de 2025. Uns 300 deportistas participarán mañá no Acuatlón Cidade de Narón. Campionato Xunta de Galicia organizado pola Agrupación Deportiva Náutico Narón e na que colabora o Concello. A convocatoria desenvolverase a partir das 16:00 horas no paseo marítimo de Xuvia e conta coa implicación da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri). O campión do mundo da modalidade no ano 2024, Cristian Fernández, do Inforhouse Santiago, e a recentemente subcampiona de España Junior, Marta Novo, do Cidade de Lugo, competirán, entre outros, nesta proba deportiva. Un total de 22 clubs estarán representados nesta competición: a maiores do anfitrión, a AD Náutico de Narón, estarán a AD Fogar, o CD Oberena (Navarra), o Cidade de Lugo Fluvial, o CD Delikia, o CN Cedeira, o Marlins (Madrid), o Mar de Vigo, o Inforhouse Santiago, o Hércules Termalia, o CN Ribeira e os equipos de tríatlon Coruña, Compostela, Poio, Vilalba, Atlántico, Atleti, Ferrol, Rías Baixas, Vilagarcía, Oviedo e Poio. A proba disputarase nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior, absoluto e veterán, que percorrerán –nas disciplinas de natación e atletismo- tramos que van dende os 100 e 1.000 metros por auga e 500 e 5.000 metros a pé, en función de cada categoría. A saída da proba absoluta será ás 16:00 horas e a continuación, ata as 17:50 horas, sairán as restantes. Ás 18:00 horas terá lugar unha carreira a pé non competitiva dos prebenxamíns e ás 18:15 horas procederase á entrega de premios. Haberá medallas/trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría do campionato galego e aos tres primeiros clubs, dacordo co regulamento da Fegatri.
www.naron.es