Concello de Narón
Novas
O CAMPIONATO GALEGO DE ATLETISMO EN CATEGORÍA ABSOLUTA CELÉBRASE O DOMINGO 5 DE MAIO NO ESTADIO DE RÍO SECO
Os atletas percorrerán a distancia de 5.000 metros. Tamén haberá probas no resto de categorías (de benxamín a cadete).
Narón, 29 de Abril de 2013.- O Estadio Municipal de Río Seco acollerá este domingo 5 de maio, en horario de 9:30 a 14:30 horas, o Campionato Galego de Atletismo ‘Cidade de Narón’ en categoría absoluta, e na proba de 5.000 metros. O evento deportivo foi presentado hoxe en rolda de prensa pola Concelleira de Deportes, Natalia Hermida, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e os responsables do Club de Atletismo de Narón, Alvaro Valle (presidente) e Roberto Tuimil (secretario). A edil de Deportes de Narón felicitou ó Club de Atletismo polo seu excelente resultado acadado na Liga nacional de clubes, na categoría masculina, onde conseguiron un 2º posto. “Anímovos a que continuedes neste camiño, e tamén a que sigades fortalecendo a base do atletismo, especialmente nestes tempos difíciles” declarou Natalia Hermida. Pola súa parte, Isidoro Hornillos recalcou que Narón “é un concello que se destaca polo seu apoio ó deporte en xeral, e o atletismo en particular. Cabe lembrar que conta cunha pista de 400 metros homologada, e un gran equipo de atletismo, polo que éste campionato vai ser un gran espectáculo deportivo”, asegurou o presidente da Federación Galega de Atletismo. Ademáis da proba de 5.000 metros en categoría absoluta, que conforma o Campionato Galego, haberá probas menores dende benxamín ata cadete. Agárdase a participación aproximada de entre 200 e 300 atletas.
www.naron.es