Concello de Narón
Novas
PRESENTACIÓN DO XXI TROFEO DE NATACIÓN 'CIDADE DE NARÓN'
Organizado pola agrupación deportiva Náutico de Narón, disputarase o sábado 30 de novembro na piscina municipal de A Gándara coa participación aproximada de 150 nadadores.
Narón, 27 de Novembro de 2013.- O Complexo Polideportivo Municipal de A Gándara acollerá o vindeiro sábado 30 de novembro o 21º Trofeo de Natación ‘Cidade de Narón’ organizado polo Club Náutico de Narón en colaboración co Padroado de Deportes. A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, presentou hoxe a competición, acompañada pola presidenta do Club Náutico de Narón, María José Suárez, e o director deportivo do club, Amando Guerrero. Está prevista a participación aproximada de 150 deportistas, dos seguintes clubs: CN Arteixo, CN Xove (Lugo), Cidade de Santiago, Olímpico de Vedra –que asiste por primeira vez-, CN Cedeira, CN Ferrol, Club Marina Ferrol, e o Náutico de Narón. Ademáis, participará tamén o grupo de triatletas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, formado por deportistas de diferentes clubes de Galicia. A competición disputarase en horario de tarde, nadándose o calendario de proba completo (agás as probas de fondo) e rematará cun relevo de 4x50 estilos. Ademáis, otorgaranse premios a nivel individual ás mellores marcas en memoria do malogrado Javier Lago. A Concelleira de Deportes destacou o alto nivel deportivo desta competición, sinalando que “é unha satisfacción rematar o ano de maneira gratificante por tódalas actividades que temos feitas durante o 2013, a pesares de que a Deputación de A Coruña nos deu tan só 2.000€ de subvención. Pero dende o goberno de Narón conseguimos manter a cantidade de 90.000€” sinalou Natalia Hermida. Ademáis, a delegada de Deportes agradeceu ó Club Náutico de Narón o esforzo que está a facer non só por manter a súa actividade deportiva, senón tamén por ampliala, xa que recentemente deron entrada tamén ó Triathlón e á Natación Sincronizada. Actualmente máis de 200 rapaces/as forman parte da Agrupación Deportiva Náutico de Narón.
www.naron.es