Concello de Narón
Novas
PRESENTACIÓN DO CLUB CICLISTA 'BENI GYM SPORT'
Está fundado por tres persoas relacionadas co deporte, a bicicleta e a seguridade vial.
Narón, 2 de Xullo de 2014.- A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, e a directiva do Club Ciclista Beni Gym Sport presentaron hoxe en rolda de prensa esta nova entidade deportiva, fundada a finais do ano 2013 e que comezou a funcionar fai aproximadamente un mes. Actualmente ten 25 membros. A directiva da entidade está formada por José Amado (presidente), Mario Pita (vicepresidente) e Juan Iglesias (tesorero). Trátase de tres amigos que tomaron a decisión de formar este club, aportando os seus coñecementos profesionais no mundo da bicicleta, no deporte e na seguridade vial. Os interesados poden facerse socios abonando unha cota de 30€/anuais, chamando ós teléfonos 981 390 682 ou 686 531 267, ou ben acudindo ó Ximnasio Beni Gym Sport (sede do club). A finalidade do novo club ciclista é organizar eventos deportivos relacionados directamente co mundo da bicicleta, asesorar a ciclistas e ofrecer educación vial a nenos/as e adultos. Para iso teñen previsto organizar grupos de ciclistas para realizar actividades deportivas en bicicletas, non relacionadas coa competición. E a nivel deportivo, preparar individualmente a ciclistas para probas de competición. Para levar a cabo estes obxectivos, no club Beni Gym Sport existe un asesor para calquera tipo de dúbida legar sobre a utilización da bicicleta en vías de uso público (cabe lembrar que coa nova Lei de Tráfico, a bicicleta deixou de ser un ciclo e pasa a ser un vehículo, polo que o ciclista deberá cumprir as normas de tráfico coma se dun condutor se tratase). Tamén cóntase cun preparador físico, especializado en métodos de adestramento así como dietética e nutrición. Todo isto se complementa cun especialista en bicicletas, accesorios e utilización da mesma. Entre os eventos que ten previsto realizar o Club Ciclista Beni Gym Sport, destacan: -Ruta BTT en Narón. -Marcha Ciclista pola estrada en Narón. -Probas deportivas de ciclo cross. -Mini BTT para os máis pequenos. -Marcha nocturna. -Proba de resistencia en circuito pechado de 12 ou 24 horas. Outras actividades que tamén organizará o novo club ciclista son: - Rutas en bicicleta para toda a familia. -Acompañamento en saídas escolares. -Marchas ciclistas. -Obradoiros de reparación de bicicletas e campus de ciclismo dirixidos a escolares. A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, deu a benvida “a unha entidade deportiva máis no noso municipio” e agradeceu a colaboración que van a manter co Concello de Narón, ó tempo que se puxo á súa disposición para o que poidan precisar no seu traballo. “É unha ledicia ver como existe un texido asociativo moi dinámico na nosa cidade, con gañas de facer deporte e colaborar co Concello” concluíu a responsable de Deportes do Concello.
www.naron.es