Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ASINA DOUS CONVENIOS DE COLABORACIÓN CO CLUB DE ATLETISMO AFFLELOU E O CLUB DE REMO NARÓN
Ambos acordos suman unha achega económica de 34.500 euros.
Narón, 3 de Xullo de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou hoxe dous convenios de colaboración en materia de Deportes, acompañado pola Concelleira da área, Natalia Hermida. Por unha banda, rubricouse o acordo co Club de Atletismo Afflelou Narón cunha vixencia anual, segundo o cal o Concello aportará un total de 27.000€ para a práctica deste deporte en tódalas categorías. O seu presidente, Alvaro Valle Fraga, asinou o convenio. Para os seus adestramentos, os membros do club empregarán as Pistas de Atletismo do Estadio Municipal de Río Seco e o Ximnasio do Pavillón Polideportivo Municipal de A Gándara. O Alcalde tamén asinou outro convenio co Club de Remo Narón, representado no seu presidente, Juan Ignacio Cabana Leiras. En virtude deste acordo, a entidade comprométese a fomentar e potenciar a práctica do remo dende a categoría xuvenil ata a categoría senior. O convenio ten unha vixencia anual, e a través do mesmo o club recibirá unha achega de 7.500€ para desenvolver a súa actividade. Ambos clubs realizaron un destacado traballo deportivo na temporada 2013/2014. No caso do Club de Atletismo, destacan os resultados da atleta Miriam Otero Martínez (Medalla de Bronce no Campionato de España en 300 metros lisos en pista cuberta, Medalla de Ouro no relevo de 4x100 no Campionato de España, 2 veces record galego en 300 metros, dobre Campiona Galega cadete en 100 e 300 metros, entre outros títulos…) e de Samuel Paz (Campión Galego de 400 metros vallas) e a nivel de equipo, o club resultou Campión da Copa Galicia en pista cuberta, 2º no Campionato Galego ó aire libre, e 3º na fase de ascenso á División de Honra. Este club conta aproximadamente con 140 atletas, entre ambas categorías. O Club de Remo está a levar a cabo un meritorio traballo coa base deportiva, contando actualmente con equipos en tódalas categorías. Entre nenos/as e adultos, o club suma 70 deportistas (50 menores e 20 xuvenís/absolutos). A corto prazo, aspírase a entrar na Liga Xuvenil de Traineras.
www.naron.es