Concello de Narón
Novas
O V CAMPIONATO GALEGO DE PIRAGÜISMO DISPÚTASE ESTE DOMINGO EN XUVIA COA PARTICIPACION DE 462 DEPORTISTAS NAS CATEGORÍAS DE ALEVÍN E BENXAMÍN
Agárdase a presenza de 27 clubs de Galicia, entre eles o Club de Piragüismo de Narón, organizador da competición.
Narón, 17 de Xullo de 2014.- O Paseo Marítimo de Xuvia acollerá o domingo 20 de xullo o V Campionato Galego de Piragüismo, coa participación de 462 deportistas (14 deles pertencentes ó Club de Piragüismo Narón) nas categorías de Alevín e Benxamín (de 8 a 11 anos de idade). O evento deportivo, no que se darán cita 27 clubs de toda Galicia, foi presentado hoxe en rolda de prensa polo presidente do Club de Piragüismo Narón, Andrés Martínez, e a Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida. A proba disputarase en horario de mañá, nas augas da ría de Xuvia. Os participantes darán unha volta a un circuito con ciabogas de aproximadamente 1.500 metros, nos seguintes horarios de saídas: 1ª Saída 11:00 horas K-1 Homes Benxamín 2ª Saída 11:30 horas K-1 Mulleres Benxamín 3ª Saída 12:00 horas K-1 Homes Alevín B 4ª Saída 12:30 horas K-1 Mulleres Alevín B 5ª Saída 13:00 horas K-1 Homes Alevín B 6ª Saída 13:30 horas K-1 Mulleres Alevín A A organización entregará trofeos ós tres primeiros clasificados en cada categoría e modalidade, e unha medalla ou praca ós 10 seguintes de cada categoría e modalidade. Ademáis, ofrecerá unha merenda para todos os nenos/as inscritos e sortearanse agasallos entre os presentes. Perto de 20 persoas traballarán no operativo de organización do Campionato Galego de Piragüismo, tal e como indicou o presidente do club organizador, Andrés Martínez, quen agradeceu asimesmo a colaboración do Concello de Narón “sen a cal non sería posible levar a cabo este trofeo” indicou. O traballo organizativo deste club foi destacado hoxe pola Concelleira de Deportes, quen lembrou que no ano 2013 o Club de Piragüismo Narón foi merecedor do premio á Regata mellor organizada, entregado pola Federación Galega de Piragüismo no transcurso da súa gala anual. Natalia Hermida tamén felicitou á entidade deportiva “polo traballo que desenvolven durante todo o ano coas escolas de Piragüismo. Dende aquí quero darlles a noraboa pola estabilidade acadada nestes últimos anos e polo crecemento do club” sinalou a responsable de Deportes, quen tamén animou á xente a achegarse a Xuvia para disfrutar “dunha proba espectacular”.
www.naron.es