PRESENTACIÓN DO VI CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO DE PADEL 2014 -MASCULINO E FEMININO-
Celébrase do 25 de outubro ó 2 de novembro, coa participación dun total de 180 xogadores/as de toda Galicia. A entrada é libre.
Narón, 23 de Outubro de 2014.- O Concello de Narón acolleu hoxe a presentación do VI Campionato Galego Absoluto de Padel 2014 –Masculino e Feminino- que se desenvolverá do 25 de outubro ó 2 de novembro, nas instalacións do club School Padel Center (no polígono de Río do Pozo).
O evento foi presentado hoxe pola Concelleira de Deportes, Natalia Hermida, o presidente da Federación Galega de Padel, Manuel Fernández, e o director do Torneo, Keko Jara. Este campionato é puntuable para o ranking da Federación Galega de Padel (FGP). Na rolda de prensa tamén participou o actual nº5 deste ranking, o xogador Mariano Aguirre.
As inscricións están xa pechadas, e actualmente está confirmada a participación de 180 xogadores chegados de toda Galicia, o que fai 90 parellas (das cales 72 son masculinas e 18 femininas). Entre os inscritos, atópanse os actuais campións galegos, os coruñeses Borja Iribarren e Pio Otelo. Un dos campións do ano 2013, Fernando Aldao, formará parella con Mariano Aguirre, tamén monitor do club School Padel Center. Ademáis contarase coa presenza dos xogadores locais Josito e Mateo García de los Reyes, números 1 e 3 respectivamente do ranking galego, e Ezquiel Ártico, número 4 desta clasificación. En canto a mulleres, destaca a participación de Vanesa Alonso, catro veces campiona galega de Padel. Haberá premios en metálico por valor conxunto de 6.000 €.
O presidente da Federación Galega de Padel, Manuel Fernández, agradeceu ó Concello de Narón a acollida dispensada e as facilidades para poder celebrar neste municipio un evento destas características, que además do deportivo inflúe positivamente no sector da hostelería. Pola súa banda, Natalia Hermida agradeceu á Federación Galega de Padel a súa aposta por Narón.
Os partidos disputaranse os días 25 e 26 de outubro (previas) e 31 de outubro, 1 e 2 de novembro (cuadro principal) nas instalacións do School Padel Center, con entrada gratuita.