O CONCELLO DE NARÓN ASINOU OITO CONVENIOS CON ENTIDADES DEPORTIVAS DO MUNICIPIO POR UN IMPORTE GLOBAL DE 130.000 EUROS
O alcalde, José Manuel Blanco, asinou os acordos cos presidentes dos clubes locais
Narón, 31 de xullo de 2015.- O alcalde de Narón, José Manuel Blanco asinou oito convenios cos presidentes de outros tantos clubes deportivos da localidade, por un importe conxunto de 130.000 euros. O Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón, presidido por Fernando Montero, percibirá 7.000 euros; o Club de Remo Narón, con Juan Ignacio Cabana como presidente, 8.000 euros; Atletismo Narón, á fronte do que está Álvaro Valle, 27.000 euros; o Club de Piragüismo Narón, que preside Andrés Martínez, 4.000 euros; a Sociedade Deportiva O Val, presidida por Antonio López, 40.000 euros; o Club de Golf Campomar, á fronte do que está Manuel Villadóniga, 12.000 euros; o Club Acordes Narón de Ximnasia Rítmica, que preside Izaskun Hernaez, 15.000 euros, e o Club Arco Narón, con Anxo Grandal na presidencia, 17.000 euros.
As cantidades que percibirán os clubes destinaranse á coordinación e promoción de actividades deportivas, así como a reforzar a súa presenza no mundo deportivo e a afianzar o crecemento destas actividades no municipio. O alcalde, José Manuel Blanco, asegurou que o goberno local “seguirá traballando coas entidades deportivas locais, e se hai algunha posibilidade de incrementar as axudas tamén o faremos, pero polo menos o que imos tentar nestes tempos de crise é non baixalas para que poidan manter a súa actividade”. O rexedor local destacou o traballo que realizan os clubes locais e animounos a continuar apostando por manter aos equipos de Narón na primeira liña deportiva.