Concello de Narón
Novas
O ALCALDE PRESIDIU UNHA RECEPCIÓN OFICIAL Á SELECCIÓN NACIONAL DE VIETNAM
O acto celebrado no Concello de Narón serviu para despedir ao equipo vietnamita, que disputou o VIII Trofeo Cidade de Narón de Fútbol Sala
Narón, 28 de setembro de 2015. O Concello de Narón acolleu hoxe o acto de rececpión oficial ao equipo da Selección Nacional de Fútbol Sala de Vietnam. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria acompañado polo edil de Deportes de Narón, Román Romero, e polo membro da Federación de Fútbol e do Comité de Futsal da AFC, Mr. Tu e persoal da directiva do equipo vietnamita, así como do seu seleccionador nacional, o naronés Bruno García. Na cita estiveron tamén o presidente do Cidade de Narón Futsal, José Ramón Padín, e o director deportivo do equipo naronés, Tomás Llao. No acto, o seleccionador nacional de Vietnam e o representante da Federación Nacional de Futsal de Vietnam agradeceron o trato recibido e a colaboración prestada polo Concello de Narón para utilizar as instalacións deportivas municipais e disputar na cidade a oitava edición do Trofeo Cidade de Narón Futsal, que o pasado día 22 deste mes xogaron o equipo vietnamita e o naronés, logrando este último alzarse co trofeo. O alcalde naronés interesouse pola estancia do equipo foráneo na localidade, desde o pasado día 18, e felicitouno polo seu traballo deportivo, desexándolle moitos éxitos no futuro. Así mesmo, agradeceu a presencia do equipo e da directiva en Narón durante os dez días da súa estancia e desexoulles unha boa viaxe de regreso a Vietnam, que emprendían esta mesma tarde. No transcurso do acto José Manuel Blanco entregoulle a Mr. Tu unha placa institucional e recibiu da man do integrante da Federación Nacional de Fútbol Sala de Vietnam un cadro coa imaxe de Hô Chí Minh, presidente da República Democrática de Vietnam desde 1945 ata 1969.
www.naron.es