O "XXIII TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN" DISPUTARASE O DÍA 7 NO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA
Na convocatoria participarán uns douscentos nadadores procedentes de diferentes clubes galegos
Narón, 5 de novembro de 2015. O concelleiro de Deportes, Román Romero, anunciou xunto co presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, a celebración da vixésimo terceira edición do “Trofeo de Natación Cidade de Narón 2015”. A proba deportiva disputarase o día 7 de novembro no complexo polideportivo da Gándara, a partir das 17.30 horas. O evento, organizado pola citada entidade deportiva, está patrocinado polo Concello de Narón, a través do Padroado de Deportes. A administración local aporta 1.000 euros a esta convocatoria.
Uns douscentos nadadores participarán nesta competición, representando a nove clubes galegos: Fluvial de Lugo, CN Arteixo, Pabellón Ourense e Santiago (clubes de División de Honor); CN Ferrol, Marina (1ª División), Fogar, CN Xove (2ª División) e CN Cedeira, ademais do Náutico de Narón. Entre os asistentes, tal e como anunciou Guerrero, estarán algún dos participantes na vindeira proba do Campionato de España absoluto, como Marcos García e Laura Santalla, de Ferrol; Noelia Gómez e Virxinia Naya, de Arteixo e David Lata, de Santiago, entre outros. A naronesa Raquel Fernández e Lorenzo Ortiz e Vicente Pérez, do Náutico de Narón, estarán tamén entre os participantes, según se indicou.
O clube organizador entregará uns premios individuais, ao tratarse da décimo terceira edición do Memorial Javier Lago, ás tres mellores puntuacións pola tabla FINA.
O edil de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a asistir a esta convocatoria e destacou o traballo realizado pola organización “por conseguir que esta competición alcance xa a súa vixésimo terceira edición na localidade e tamén polos éxitos obtidos pola Agrupación Deportiva Náutico de Narón en todos estes anos”.