UN TOTAL DE 93 PERSOAS PARTICIPARÁN NO "XIII TROFEO CIDADE DE NARÓN DE TIRO CON ARCO"
As probas terán lugar nas instalacións do pavillón polideportivo das Lagoas
Narón, 5 de novembro de 2015. O pavillón polideportivo das Lagoas acollerá o día 7 o “XIII Trofeo Cidade de Narón de Tiro con Arco”, unha proba que reunirá a un total de 93 participantes, tal e como apuntou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que anunciou o evento acompañado polo expresidente do Club Arco Narón, Anxo Grandal. A competición comezará a desenvoverse ás 14.50 horas e conta cunha achega económica do Concello de Narón de 1.500 euros.
Grandal destacou a “cantidade e calidade” dos participantes na proba, avanzando que contará coa asistencia do arqueiro pontés Miguel Alvariño, recentemente proclamado campión da final da Copa do Mundo de Tiro con Arco. Un total de dezanove clubes desta modalidade deportiva, procedentes na súa maioría de diferentes localidades galegas pero tamén de Madrid e Castela León, participarán nesta cita, na que competirán integrantes dun total de doce categorías diferentes, tal e como destacou o expresidente do Club Arco Narón.
Ás 13.30 horas terá lugar a apertura do campo, coa recepción dos arqueiros, a revisión de material e as tandas de adestramento. A primeira serie da competición desenvolverase a partir das 14.50 horas e ás 16.20 haberá un descanso. As probas correspondentes á segunda serie iniciaranse ás 16.30 horas e ás 18.00 ofrecerase un refrixerio aos participantes para, ás 18.30 horas, comezar as tandas eliminatorias, proclamar aos vencedores e, finalmente, proceder á entrega de trofeos.
A maiores do Trofeo Especial que levará o participante que obteña a maior puntuación do round a diana triple vertical, tanto na modalidade de Recurvo como na de Composto, a organización anunciou que os tres primeiros postos en cada categoría terán dereito a un premio final no podio.
A organización do evento e o edil de Deportes, Román Romero, animaron á veciñanza a desprazarse este sábado ao polideportivo das Lagoas para presenciar a competición. “Será unha moi boa oportunidade de ver a recoñecidos arqueiros e arqueiras non só de Narón e comarca senón tamén chegados de Galicia e doutros puntos de España”, subliñou o concelleiro naronés, ao tempo que destacou o feito de que nunha mesma competición desta modalidade deportiva se organicen probas cunha ducia de categorías diferentes.