Concello de Narón
Novas
O PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" CONVOCA UNHA ANDAINA MENSUAL POLA LOCALIDADE ATA XUÑO DE 2016
O primeiro percorrido, "Camiñando polos carrís bici" terá lugar o 22 de novembro, sendo precisa inscrición previa para cada una das andainas
Narón, 13 de novembro de 2015. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o coordinador da área na empresa Arasti Barca, Miguel López, presentaron o programa “Ponte en ruta con nós”, que comezará a desenvolverse o vindeiro 22 de novembro –con motivo dos actos programados para a conmemoración do Día de Narón- e que consiste nunha andaina que se convocará con periodicidade mensual e que discorrerá polo termo municipal. O programa rematará o vindeiro mes de xuño e está pensado para fomentar o exercicio físico ao aire libre e para persoas de tódalas idades. Para participar é necesario inscribirse previamente e abonar tres euros, unha cantidade coa que se lles ofrecerá desprazamento desde o punto de partida –o pavillón da Gándara en todas as rutas excepto a do 24 de xaneiro, que sairá do mosteiro do Couto- e regreso ao mesmo unha vez finalice o percorrido. Tamén se lles dará un agasallo e haberá un descanso para un avituallamento, tal e como explicou Román Romero. O número de prazas está limitado a 54 –por razóns do desprazamento-, se ben no caso de que a demanda sexa moi superior contémplase a posibilidade de incrementar esta cifra. “Camiñando polos carrís bici” é a andaina programada para o día 22 ás dez da mañá, que permitirá aos participantes realizar un percorrido polas zonas da Gándara e Xuvia, coñecendo algunhas das construcións máis destacadas da zona, como os muíños das Aceñas e de Xuvia, entre outros. O tempo aproximado da mesma é de dúas horas e a distancia a percorrer de case oito quilómetros. As seguintes rutas serán o 27 de decembro –“Pola ribeira de Xuvia”-; o 24 de xaneiro –“Polo Camiño a San André de Teixido”-; o 21 de febreiro –“Polo marxe do río Xuvia”-; o 13 de marzo –“Ruta Maciñeira”-; o 24 de abril –“Os camiños milenarios do Val”-; o 22 de maio –“Coñece Narón 1”- e, por último, o 26 de xuño –“Coñece Narón 2”-. A dificultade dos percorridos irase incrementando a medida que avanza o programa, tanto en distancia –desde os 7,5 quilómetros da primeira aos 25 da última- como na duración –de dúas horas a primeira ata case sete da última- e na dificultade dos mesmos –de fácil a alta-. O coordinador de Deportes de Arasti Barca, Miguel López, indicou que poden anotarse persoas de todas as idades, debendo estar os menores de 18 sempre acompañados por un adulto. Os asistentes terán de prazo para anotarse no pavillón polideportivo da Gándara ata o xoves previo a cada unha das andainas, en horario de 09.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 de luns a xoves, e os venres en horario de mañá, de 09.00 a 13.00, abonando a cuota correspondente. A organización indicou que as andainas programadas quedarán suspendidas no momento en que a Axencia Estatal de Meteoroloxía declare alerta laranxa ou vermella por temporal. Os participantes deberán estar con vinte minutos de antelación no punto de saída. O edil de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a sumarse a esta convocatoria, “pensada tanto para fomentar a práctica deportiva entre a cidadanía como para dar a coñecer diferentes espazos e construcións do concello naronés”.
Descarga de archivos
FICHA DE INSCRICIÓN
Tamaño:67,59 KB
www.naron.es