Concello de Narón
Novas
O JUDOKA SERGIO TRILLO VALEIRO RECIBIU O PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2015 NA XXVII GALA DO DEPORTE
O Pazo da Cultura acolleu a celebración do evento, na que se recoñeceu o traballo dos mellores deportistas naroneses en diferentes modalidades
Narón, 20 de novembro de 2015. O Pazo da Cultura de Narón acolleu a celebración da vixésimo sétima edición da Gala do Deporte de Narón, unha convocatoria na que se premiou aos mellores deportistas e clubes locais. O judoka Sergio Trillo Valeiro, do Club Bitácora Ferrol, recibiu ao remate do acto de mans do alcalde, José Manuel Blanco, o premio ao Mellor deportista de Narón 2015. O galardoado acumula no seu currículum numerosos premios desta disciplina deportiva a nivel local, nacional e internacional, tras participar en varios campionatos en España, Portugal, Austria e Abu Dabi, entre outros. O pasado mes de outubro Trillo obtivo o primeiro posto na European Cup Senior celebrada en Málaga. O director de Cadena Dial Rías Altas, Alfonso López, presentou a convocatoria e os membros do xurado foron os xornalistas José Valencia, Juan A. Galego, Alfonso López, Juan Quijano e Xan Morales e os licenciados en INEF José Sordo, José LuisTuimil e Miguel Ángel López. A gala comezou cunha exhibición de Ximnasia Estética, trala que se proxectou unha película da actividade deportiva do curso 2014-2015 na localidade. Ao remate da mesma o alcalde de Narón dirixiuse aos asistentes, agradecendo a súa asistencia ao acto nun día, dixo, “de festa, pero sobre todo de recoñecemento ao traballo que día a día realizan os deportistas e as deportistas de Narón”. Blanco destacou o traballo realizado na área pola exedil de Deportes, Natalia Hermida –actualmente concelleira de Turismo, Formación, Novas Tecnoloxías e Mocidade- e tamén o que desempeña no cargo o actual edil, Román Romero. O rexedor local comprometeu o respaldo do Concello ao Padroado de Deportes, cun orzamento que, avanzou, superará lixeiramente os dous millóns de euros o vindeiro ano. “O nivel deportivo de Narón é todo un referente non só no Concello e na comarca, senón tamén a nivel estatal, e iso constátano os éxitos acadados polos deportistas locais”, subliñou o alcalde, que felicitou aos gañadores e gañadoras dos premios concedidos nas diferentes categorías e tamén ao persoal do Padroado de Deportes, representantes dos clubes, adestradores, familiares dos deportistas e a todos aqueles e aquelas nominados e galardoados en anteriores edicións da Gala do Deporte de Narón. A tradicional entrega de galardóns, que correu a cargo dos concelleiros da corporación local e outros integrantes do Padroado de Deportes, ocupou boa parte do acto. Entregáronse premios e diplomas aos mellores deportistas de base e de especialidade dun total de vinte e seis actividades deportivas, cunha exhibición no medio da entrega do Club de Baile Deportivo Narón. Trala entrega deses galardóns tomou a palabra o edil de Deportes, Román Romero, que amosou a súa satisfacción polo feito de poder vivir hoxe como concelleiro de Deportes a un acto que anos atrás viviu como nominado e premiado. Romero agradeceu o traballo dos seus predecesores no cargo, Guillermo Sánchez Fojo e Natalia Hermida, e tamén a todas aquelas persoas que traballan na área de Deportes da localidade, ao tempo que valorou o traballo dos deportistas locais. “O Concello de Narón ten unha firme e clara aposta de futuro para axudar con todos os recursos posibles a que ningún naronés ou naronesa poida quedar sen practicar deporte por falta de medios”, asegurou. O edil finalizou a súa intervención desexando sorte a todos os deportistas nesta nova tempada. A continuación, entregáronse mencións especiais á Mellor promesa, que recaeu en Sara Guerrero Manso, do Club Triatlón Ferrol; á Mellor Traxectoria deportiva, para Brais Canosa Fernández, do Club Arcade Inforhouse Santiago e a Alberto Blázquez Arboníes, do Arco Narón; Mención Especial polos logros deportivos, para Claudia Rojo Cazorla, do Club Ría de Ferrol e Alicia Fernández Fraga, do Club Balonmán Bera Bera; o Mellor Adestrador, para Pedro Rivera Casdelo, do Cidade de Narón; polo Traballo, dedicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello de Narón, para Juan Filgueira Bouza, do Baloncesto Narón; ao Mellor Clube, e para o Cidade de Narón, polo seu ascenso a Segunda Nacional do Fútbol Sala Masculino. Ao remate do acto oficial serviuse un ágape no hall do Pazo da Cultura.
Descarga de archivos
Premiados
Tamaño:42,39 KB
www.naron.es