Concello de Narón
Novas
MÁIS DUN MILLEIRO DE PERSOAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NO "XXX MEMORIAL ADOLFO ROS, VOLTA Á RÍA"
As persoas inscritas na carreira sairán ás dez da mañá das inmediacións do Centro Comercial Odeón
Narón, 9 de decembro de 2015. O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, presentou esta mañá xunto cos edís da área de Ferrol e Neda, Bruno Díaz e Antonio Seijo, respectivamente, e o concelleiro de Promoción Económica de Fene, César Castro, o “XXX Memorial Adolfo Ros, Volta á ría”, unha media maratón que se desenvolverá este domingo, día 13 nun traxecto de 21.197 metros que discurren polos citados municipios –a percorrer nun tempo máximo de dúas horas e vinte minutos-. Os participantes sairán da rúa Cataluña –nas inmediacións do Centro Comercial Odeón- ás 10.00 horas. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata mañá ás 23.59 horas na páxina web: www.championchipnorte.com e no caso dos menores de 16 anos na web da delegación ferrolá da Federación Galega de Atletismo –www.fgatletismo.es/ferrol/-, debendo abonar catro euros no primeiro caso e sendo de balde no segundo. Esta mañá, tal e como apuntou o edil de Deportes de Narón, estaban inscritos 935 adultos e uns 200 menores, aínda que se confía en que a cifra se incremente antes de pechar o prazo para anotarse. Román Romero explicou que nas dúas novas modalidades deste ano na convocatoria, handbike e invidentes hai oito e unha persoas inscritas, respectivamente. De 11.30 a 12.00 horas haberá unha sesión de ioga infantil e a partir das 12.00 outra dirixida a todos os corredores que desexen participar, ambas nas inmediacións do Centro Comercial Odeón. Alí terán lugar tamén as carreiras dos nenos e nenas e o acto de entrega de trofeos, este último a partir das 13.00 horas, tal e como apuntou o edil naronés. Por esta razón, na rúa Cataluña estará prohibido o tráfico e o estacionamento a partir das 08.00 horas do domingo e ata a finalización da proba. O edil de Deportes de Ferrol indicou que a data do Memorial Adolfo Ros coincide coa manifestación do naval, incidindo en que a proba deportiva estaba fixada con anterioridade e recalcando o apoio ao sector desde a organización. Así mesmo, os edís de Fene e Neda destacaron a figura do deportista Adolfo Ros, cuxa familia, tal e como avanzou Román Romero, recibirá un agasallo con motivo dunha mención especial que se realizará no acto de entrega de premios. Ademáis dos trofeos que se entregarán aos mellor clasificados nas diferentes categorías todos os participantes recibirán unha camiseta e unha bolsa conmemorativa. O edil de Deportes de Narón valorou a aposta dos catro municipios por esta convocatoria e, xunto cos representantes de Ferrol, Fene e Neda, animou á veciñanza a sumarse á mesma.
Descarga de archivos
Percorrido
Tamaño:108,29 KB
www.naron.es