Concello de Narón
Novas
A SEGUNDA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS SERÁ POLA RIBEIRA DE XUVIA
O percorrido a realizar nunhas dúas horas e media é de once quilómetros
Narón, 22 de decembro de 2015. O programa municipal de andainas “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Padroado de Deportes de Narón e a empresa Arasti Barca, convoca unha nova ruta o día 27. “Pola ribeira de Xuvia” é a segunda das propostas desta actividade, que permitirá aos asistentes percorrer un tramo duns once quilómetros polo entorno do río Xuvia. A saída será ás dez da mañá do pavillón polideportivo da Gándara, desde onde se trasladará aos asistentes en autobús ata o punto de partida da camiñata, que será nas inmediacións da glorieta de Megasa. Desde alí realizarán unha ruta dunha duración estimada de dúas horas e media para regresar á rotonda e subir de novo no bus que os levará ata o polideportivo da Gándara ao final da mesma. As persoas interesadas en participar deben apuntarse antes do día 24, pagando tres euros, cantidade coa que se sufragarán os gastos de desprazamento en autobús -ademais recibirán un agasallo e tamén haberá un avituallamento para repoñer forzas-. Para anotarse hai que cubrir unhas instancias que se poden descargar da páxina web do Padroado de Deportes do Concello de Narón –www.padroadodeportesnaron.com- ou recoller no pavillón polideportivo da Gándara. As inscricións nas oficinas do Padroado de Deportes de Narón realizaranse en horario de 09.00 a 13.00 e as formalizadas na conserxería do pavillón da Gándara serán entre as 16.30 e as 18.30 horas. O programa “Ponte en ruta con nós” iniciouse o pasado 22 de novembro e prolongarase ata o 26 de xuño de 2016, convocando unha ruta ao mes polo termo municipal de Narón, con diferentes graos de dificultade a medida que avanza esta proposta coa que desde o Concello se pretende fomentar a realización de actividade física ao aire libre, entre outros obxectivos.
www.naron.es