A iniciativa diríxese a persoas nacidas entre os anos 2001 e 2005 e o prazo para anotarse rematará o 22 de xaneiro
Narón, 13 de xaneiro de 2016. O concelleiro de Deportes, Román Romero, anunciou a apertura do prazo de inscrición na Campaña de Esquí 2016 da Deputación da Coruña, para á que ao municipio lle concederon este ano dezaséis prazas. A iniciativa diríxese a nenos e nenas nacidos nos anos 2001, 2002, 2003, 2004 ou 2005 residentes na localidade e terá lugar na Estación Invernal de Leitariegos, en León, onde estarán cinco días e asistirían a cursos de esquí. A quenda que lle corresponde a Narón é do 14 ao 19 de febreiro e as persoas interesadas en participar deberán anotarse antes do vindeiro 22 de xaneiro, tal e como explicou Román Romero.
Para apuntarse hai que entregar unha ficha de inscrición debidamente cumplimentada no Rexistro do Concello. Desde a Deputación facilitarase un número de conta para proceder a abonar os 95 euros da cota. Con cargo a esta cantidade cúbrense os gastos de aloxamento e manutención na Estación de Esquí de Leitariegos, o transporte, clases de esquí, material e seguros. Á hora de formalizar a inscrición haberá que entregar unha foto tamaño carné e fotocopias da tarxeta sanitaria, do carné de identidade ou do libro de familia e do recibo de abono da cota. A ficha a entregar no Rexistro municipal pódese descargar da páxina web da Deputación da Coruña (https://www.dicoruna.es/deportes/campana-esqui) onde tamén se ofrece máis información sobre esta convocatoria deportiva.
No caso de que a demanda de prazas supere ás dezaséis disponibles realizarase un sorteo no Concello, según apuntou o edil de Deportes. O concelleiro naronés animou aos nenos e nenas da localidade a participar nesta convocatoria, onde, dixo, “terán a oportunidade de gozar duns días de ocio centrados na práctica do deporte, neste caso do esquí, e de convivencia con outros mozos e mozas doutros concellos da provincia tamén convocados nesta mesma quenda da Campaña de Esquí 2016 da Deputación”.