A ORGANIZACIÓN DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS" MODIFICA O PERCORRIDO PREVISTO PARA O 21 DE FEBREIRO
Os camiñantes irán a pé desde a praia de Santa Comba, en Ferrol, ata a de Campelo, en Valdoviño, ao non reunir as condicións de seguridade precisas o percorrido previsto pola marxe do río Xuvia
Narón, 2 de febreiro de 2016. O concelleiro de Deportes, Román Romero, anunciou un cambio no percorrido do programa municipal “Ponte en ruta con nós” que se convocou para o vindeiro 21 de febreiro. Unha vez supervisado pola organización o estado do tramo polo que se ía desenvolver a andaina: “Polo marxe do río Xuvia”, acordouse modifícalo debido a que tralas últimas choivas a zona non reunirá na data prevista as condicións necesarias para garantir a seguridade dos participantes. A cuarta saída deste programa será pola “Ruta de Costa Ártabra”, que discorre entre as praias de Santa Comba, en Ferrol, e Campelo, en Valdoviño, nun tramo duns once quilómetros.
As persoas interesadas en inscribirse –os menores de 18 anos deben ir acompañados dun adulto- poden facelo na conserxería do pavillón polideportivo da Gándara ata o vindeiro 17 de febreiro. O número de prazas está limitado a 140, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O prezo a abonar é de tres euros, cantidade coa que se sufragarán os gastos de desprazamento desde o polideportivo da Gándara ao punto de saída e o regreso en bus desde a praia de Campelo ata as citadas instalacións deportivas naronesas, ao remate do percorrido. Os asistentes farán unha parada para un avituallamento e recibirán un agasallo.
O programa de andainas, iniciado o pasado mes de novembro, está organizado polo Padroado de Deportes do Concello de Narón e a empresa Arasti Barca e contempla unha ruta a pé mensual ata o próximo mes de xuño por diferentes zonas da localidade.