A SEGUNDA FASE DA COPA DE ESPAÑA DE XIMNASIA ESTÉTICA DE GRUPO DISPUTARASE ESTA FIN DE SEMANA NO POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA
Nas diferentes probas participarán case 300 ximnastas procedentes de clubes de Galicia e tamén doutras comunidades autónomas españolas
Narón, 25 de febreiro de 2016. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá esta fin de semana, a segunda fase da “Copa de España de Ximnasia Estética de Grupo 2015-2016”, organizada polas asociacións Española e Galega de Ximnasia Estética de Grupo e polo Club Acordes de Narón e na que colabora o Padroado de Deportes do Concello de Narón, tal e como indicou o edil da área Román Romero. O concelleiro anunciou esta actividade acompañado pola adestradora do Club Acordes Narón, Izaskun Hernáez, e por Marta Derungs, presidenta da Asociación Galega de Ximnasia Estética de Grupo e unha das xuízas deste evento. En total participarán nas probas 34 equipos procedentes de diferentes localidades de España (Madrid, Aragón, Murcia e Cataluña), dos que seis son de Galicia, entre eles os Clubes Acordes de de Narón e Pontedeume, Oleiros, E.X. Abegondo e María Barbeito (A Coruña), explicou a adestradora do Club Acordes Narón.
Esta competición reunirá esta fin de semana na Gándara a 290 ximnastas, unha trintena de técnicos, dez xuízas e, a maiores, todas aquelas persoas que acudan como público. As probas disputaranse nas categorías Infantil (de 8 a 10 anos; de 10 a 12 e de 12 a 14); Junior (de 14 a 16) e Sénior (a partir de 16). Entre as novidades Hernáez aludiu a “este ano na van os equipos mixtos e hai máis rivalidade; en España hai tres, un de Narón, e todos asistirán a esta proba”, apuntou Hernáez.
A cerimonia de apertura terá lugar o sábado, día 27, ás 16.45 horas e as competicións preliminares nas diferentes categorías desenvolveranse a partir das 17.00. Na xornada do domingo as competicións comezarán ás 10.00 horas e a entrega de medallas e trofeos será sobre as 13.30 horas.
A primeira fase da Copa de España de Ximnasia Estética de Grupo desenvolveuse en Murcia a finais do pasado ano, a segunda é a de Narón e a terceira terá lugar previsiblemente en Valencia, apuntou Hernáez. Os equipos gañadores poderán participar en torneos a nivel nacional e internacional. Os catro primeiros equipos pasarán á II Fase da Copa do Mundo que se disputará en Finlandia.
As entradas para asistir a esta proba deportiva poderanse adquirir a partir do sábado no Pavillón polideportivo da Gándara -de 10.30 a 12.00 e a partir das 16.00- e o domingo –desde as 9.00- e teñen un prezo de tres euros por día ou cinco euros no caso de comprar o bono para os dous días. O edil de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria deportiva que, recordou, se disputou tamén na localidade no ano 2007. “Trátase dunha excelente oportunidade para ver o elevado nivel que teñen as mulleres e os homes que practican ximnasia deportiva tanto no noso concello como noutros de Galicia e de España”, subliñou o edil.