O CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS CELEBRARASE O 6 DE MARZO EN RÍO DO POZO
Uns 500 rapaces e rapazas participarán nestas probas, aprazadas o pasado mes de febreiro debido ás malas condicións meteorolóxicas
Narón, 2 de marzo de 2016. O Campionato provincial de Campo a través celebrarase o día 6 de marzo nun circuíto habilitado no polígono industrial de Río do Pozo. A proba, convocárase inicialmente para o pasado 27 de febreiro pero aprazouse debido ás condicións meteorolóxicas adversas desa fin de semana. Colaboran nesta convocatoria, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, a Federación Galega de Atletismo, o Club de Atletismo Narón e o Concello de Narón, a través da área de Deportes que preside o edil Román Romero.
As competicións nas diferentes categorías (Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete) comezarán a disputarse ás 16.30 horas e está previsto o remate das mesmas ás 19.00. Román Romero recordou que participarán nas probas unhas 500 persoas, que percorrerán tramos de entre 700 e 4.000 metros, en función das citadas categorías.
Un dos obxectivos deste campionato é fomentar a práctica deportiva entre os rapaces e rapazas que participan, así como impulsar hábitos de vida saudables entre o colectivo.