MÁIS DE 200 PERSOAS PARTICIPARÁN O 13 DE MARZO NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Os camiñantes realizarán un percorrido duns doce quilómetros pola "Ruta de Maciñeira", entre Narón e Neda
Narón, 10 de marzo de 2016. O vindeiro domingo, día 13, terá lugar unha nova andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”. A convocatoria está sendo todo un éxito a nivel de participación, tal e como o constata o feito de que para esta nova cita, que discurrirá pola “Ruta Maciñeira”, se tivese que ampliar a oferta de prazas –ata esgotarse- debido á elevada demanda. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que indicou que “un total de 210 persoas realizarán o percorrido deste mes, o que supón todo un récord na cifra de participantes no que vai deste programa, iniciado o pasado mes de outubro e que chega xa á súa quinta ruta”. A programación está organizada polo Concello de Narón e a empresa Arasti Barca e conta coa colaboración do persoal de Protección Civil de Narón.
Os camiñantes partirán a pé desde o polideportivo da Gándara ás 10.00 horas e irán ata a Fervenza do Belelle, no concello de Neda, discorrendo boa parte do traxecto polas inmediacións do río Belelle. A ruta é duns doce quilómetros –o tempo estimado para realizala é de tres horas e media- e ao finalizar o tramo un autobús recollerá aos participantes para levalos de regreso ata o polideportivo da Gándara.
A próxima convocatoria terá lugar no mes de abril, o domingo día 24. Os participantes percorrerán “Os camiños milenarios do Val”, unha ruta duns dezasete quilómetros que tamén partirá do polideportivo da Gándara en autobús cara ao Pazo Libunca, donde comezará a camiñata. A dificultade é “alta” e a duración estimada de catro horas. As persoas interesadas poderán inscribirse no pavillón polideportivo da Gándara, en horario de 09.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30, abonando unha cuota de tres euros para o desprazamento en autobús ata o punto de partida do percorrido e para o regreso ata a Gándara unha vez finalizado. A data límite para apuntarse, mentres existan prazas, é o xoves anterior ao día da saída. A actividade tan só se suspenderá no caso de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía decrete alerta laranxa ou vermella.