Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA SEXTA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Os participantes nesta convocatoria percorrerán os "Camiños milenarios do Val", un tramo duns dezaseis quilómetros
Narón, 31 de marzo de 2016. O prazo de inscrición na sexta andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós” permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de abril, no caso de que non se cubran antes a totalidade das prazas dispoñibles. Así o anunciou o edil de Deportes, Román Romero, que recordou que nesta ocasión os participantes percorrerán o tramo dos “Camiños milenarios do Val”, duns dezaseis quilómetros. A saída terá lugar o 24 de abril ás 9.30 horas, sendo o punto de encontro dos participantes no pavillón polideportivo da Gándara. As persoas interesadas en anotarse deben facelo no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves, en horario de 9.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas. A ficha de inscrición pode descargarse da páxina web do Padroado de Deportes de Narón: www.padroadodeportesnaron.com. A cota a pagar é de tres euros, cantidade coa que se cubren os gastos de desprazamento en autobús ata o punto de partida do itinerario e de regreso ao polideportivo da Gándara. Os camiñantes realizarán unha parada para un avituallamento e recbirán un agasallo. O programa municipal “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Concello de Narón e a empresa Arasti Barca, inclúe outras dúas andainas polo termo municipal, que están convocadas para os días 22 de maio e 26 de xuño.
www.naron.es