Concello de Narón
Novas
PARELLAS DO CLUB DE BAILE DEPORTIVO NARÓN OBTIVERON CINCO DOS DEZ PRIMEIROS POSTOS DO CAMPIONATO GALEGO DE LATINOS 2016
Máis de medio milleiro de persoas participaron neste evento celebrado no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 11 de abril de 2016. O Club de Baile Deportivo Narón acadou cinco dos dez primeiros postos do Campionato Galego de Latinos que se celebrou o 10 de abril no pavillón polideportivo da Gándara, no marco do XV Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón, e no que participaron algo máis de 500 persoas. O concelleiro de Deportes, Román Romero, felicitou aos participantes en xeral e ás parellas do Club de Baile Deportivo Narón en particular polo seu excelente resultado nesta proba. O mencionado clube organizou este evento contando coa colaboración, entre outras entidades, dos Padroados de Deportes e Cultura do Concello de Narón e da Concellería de Mocidade. Parellas do Club de Baile Deportivo Narón obtiveron os primeiros postos nas categorías: Xuvenil I –na que tamén lograron o segundo premio do campionato-; Youth –campións e subcampións-; Adultos I; Adultos II –campións e subcampións- e Senior III-IV –campións e subcampións-. No resto das modalidades, parellas da citada entidade deportiva local quedaron tamén no alto da táboa clasificatoria, ao acadar o segundo e terceiro posto na modalidade Xuvenil II –o primeiro foi para o Club de Baile Deportivo BTroula, de Meis (Pontevedra); o segundo en Junior II –gañou Quero Baile, de Vigo- e o segundo e o terceiro no Senior II –a parella gañadora foi da Escola de Baile Arte y Danza, de Vigo-. En representación do Club de Baile Deportivo Narón, Sandra García, destacou os resultados acadados polo clube, subliñando que “o esforzo que realizan as parellas das diferentes categorías durante todo o ano é o que lles permite situarse nos primeiros postos neste tipo de competicións”. García destacou o elevado nivel dos participantes que acoden a estas probas, e recoñeceu sentirse “moi orgullosa” dos resultados obtidos polo clube naronés, a cuxos integrantes felicitou polo seu esforzo e a súa dedicación. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes recalcou ademais o éxito da convocatoria, recordando que durante a xornada do campionato pasaron polas instalacións do pavillón polideportivo da Gándara unhas 1.200 persoas para presenciar esta proba deportiva.
www.naron.es