Narón, 30 de Outubro de 2009.- O Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, ven de inaugurar os novos vestiarios construidos no Complexo Polideportivo Municipal de A Gándara nos que se investiron un total de 365.000 euros procedentes do Plan E. Con esta obra, lógranse vestiarios máis amplios e modernos –incluido un para persoas con movilidade reducida-, e dependencias para monitores e persoal de socorrismo. En total suman 400 metros cadrados de superficie, distribuidos en dúas prantas (a superior para uso público, e outra no sótano para maquinaria).
Os novos vestiarios permitirán aumentar nun 8% os usos da piscina municipal, que na actualidade conta con 2.000 usuarios ó mes e suma 90.000 bañistas por temporada. Esta reforma tamén permitirá ampliar o número de usuarios da piscina terapéutica, pasando de 115 a 175. Ademáis, as novas instalacións tamén se utilizarán por parte de tres grupos de natación para bebés (de 21 usuarios cada un deles) e oito persoas discapacitadas que terán en exclusiva un monitor para atender ás súas necesidades.
De tódolos xeitos, o Alcalde de Narón incidíu na necesidade de crear unha nova piscina –esta vez de 50 metros, o que se coñece como “olímpica”- para atender ás persoas que están en lista de espera na comarca.