Concello de Narón
Novas
O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO MÉRCORES O DÍA DO DEPORTE DE NARÓN EN VARIAS UBICACIÓNS DE XUVIA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá a iniciativa
Narón, 28 de xuño de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá o Día do Deporte de Narón, unha iniciativa que se desenvolverá o vindeiro mércores, 30 de xuño. Ferreiro avanzou que se trata dunha proposta dirixida a menores de 5 a 14 anos, na que se poderán practicar varias modalidades deportivas entre as 9.30 e as 14.00 horas na zona de Xuvia. A rexedora local explicou que tan só será preciso inscribirse para participar na ruta cicloturista con saída e chegada á ponte que une Xuvia e Neda. “Está pensada para as nenas e nenos, que deberán estar acompañados por unha persoa adulta da súa unidade familiar durante todo o percorrido, que é duns 9,5 quilómetros, entre Xuvia e o mosteiro do Couto”. Un dos requisitos desta actividade é que as bicicletas non poderán ter rodíns. Como máximo poderán asistir 150 participantes, e no caso de que a demanda supere ese número de prazas analizarase a posibilidade de realizar unha segunda ruta, con saída ás 11.00 horas, se ben a primeira terá lugar ás 9.30. As persoas que desexen inscribirse poden facelo, de balde, nas instalacións do pavillón polideportivo da Gándara, en horario de 9.00 a 13.00 e dende as 16.00 ata as 20.00 horas, tal e como avanzou Ferreiro. Así mesmo, entre as propostas deportivas do Día do Deporte en Narón tamén se poderá optar pola práctica de tenis de mesa e xadrez –na praza do antigo Concello de Xuvia-; fútbol sala –na pista descuberta de Xuvia- balonán –na pista do colexio Jorge Juan; voleibol, kick boxing, fútbol e golf –na zona verde do paseo de Xuvia- e baloncesto –na pista multideporte de Xuvia-. “Trátase dunha xornada pensada para as rapazas e rapaces de Narón, organizada con motivo do remate das clases e para que poidan desfrutar ao máximo do deporte ao aire libre”, asegurou a alcaldesa.
www.naron.es