Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A RECEPCIÓN AOS REPRESENTANTES DA SELECCIÓN PARALÍMPICA DE VENEZUELA
O alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, desexáronlle moitos éxitos aos deportistas na súa próxima participación nos Xogos Olímpicos de Tokio
Narón, 10 de agosto de 2021. O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, recibiron este mediodía no Concello ao director de Alto Rendemento do Ministerio de Deporte de Venezuela, Juan José Rujano, ao adestrador nacional paralímpico de Tenis de Mesa en Venezuela, Alexis Tovar e á directora médica da selección venezolana, Iris Serrano. Os tres representantes da comitiva venezolana agradeceron a colaboración do Concello de Narón, por ofrecer as instalacións, e intercambiaron uns agasallos cos integrantes da corporación local naronesa. Os integrantes da selección venezolana paralímpica de Tenis de Mesa e de atletismo estiveron concentrados dende o pasado mes de xullo na cidade e partirán entre o venres e o mércores cara a Xapón para acudir á súa cita na décimo sexta edición dos Xogos Paralímpicos, que se disputarán do 24 de agosto ao 5 de setembro en Tokio. Os representantes da comitiva venezolana agradeceron a boa disposición do Concello por poñer á súa disposición as instalacións que precisaban para poder adestrar durante estas xornadas previas á competición. En concreto, no caso do equipo de tenis de mesa, estiveron desprazándose ao local do Club Tenis de Mesa Narón, en Santa Icía e os de atletismo nas pistas do Estadio de Río Seco. Pola súa banda, Sánchez Fojo valorou o traballo realizado polos integrantes da selección, aos que desexou moitos éxitos nos Xogos Olímpicos e aos que ofreceu as instalacións naronesas para vindeiras ocasións no caso de que sexa posible ceder o seu uso coa mesma finalidade.
www.naron.es