O PRAZO DE INSCRICIÓN NA "I CARREIRA POLA IGUALDADE CONCELLO DE NARÓN" REMATA MAÑÁ
Algo máis de 370 persoas están xa inscritas neste evento deportivo organizado polo Concello con motivo dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller
Narón, 2 de marzo de 2022. O vindeiro domingo, día 6, celebrarase a primeira edición da “Carreira pola Igualdade Concello de Narón”, unha iniciativa impulsada polo Consistorio con motivo dos actos do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. Algo máis de 370 persoas están inscritas no evento, que pechará mañá o prazo para poder anotarse, tal e como recordou o edil de Deportes, José Oreona. As persoas interesadas en participar poden anotarse hoxe ou mañá a través da web: www.carreirasgalegas.com, donde se pode atopar tamén toda a información deste evento deportivo.
A carreira terá a saída e a meta no pavillón polideportivo da Gándara e nas categorías absolutas realizarase un percorrido de cinco quilómetros aproximadamente que discorrerá polo termo municipal. Así mesmo, tamén se habilitaron tramos para as categorías de prebenxamín -100 metros-; benxamín -500 metros-; alevín sub-12 -1.500 metros-; infantil sub-14 -1.500 metros-; cadete e xuvenil -2.000 metros-. As saídas están programadas dende as 10.00 horas, en función da categoría. Nesta carreira poden participar tamén persoas nas categorías de cadeira de rodas, hadbike, invidentes e discapacitados intelectuais, todas elas non oficiais da Federación Galega de Atletismo.
Ao remate da carreira entregaranse premios ás tres primeiras mulleres e homes que cheguen á meta na categoría absoluta e nas categorías non oficiais tamén se premiarán aos tres primeiros homes e mulleres. A participante feminina de maior idade que remate a proba recibirá un premio e nas categorías de menores entregaranse medallas a todas as persoas participantes.
O Concello habilitará tamén neste evento o Punto Violeta de Narón, que de 10.00 a 14.00 horas se poderá visitar nas inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara. Ofrecerase información e asesoramento en materia de prevención da violencia de xénero a todas as persoas que se acheguen ao Punto Violeta, que estará atendido por dúas persoas.