Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA CO CLUB DE REMO NARÓN NA ORGANIZACIÓN DO "XXIV TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN"
A alcaldesa, Marián Ferreiro e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron a convocatoria acompañados polo presidente do club local, Martín Martínez
Narón, 4 de marzo de 2022. O Concello naronés colabora co Club de Remo Narón no “XXIV Trofeo de Bateis Cidade de Narón”, que se disputará mañá, día 5, na enseada da Gándara, a partir das 16.00 horas. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e o presidente do citado club local, Martín Martínez. En canto á competición, Martínez explicou que participarán doce clubs procedentes de Muros, Ribeira, Rianxo, Celeiro, Perillo, A Pobra, Ribeira, Cabo de Cruz, Ares, Mugardos, A Cabana e o anfitrión, o de Narón. “Seremos unhas 94 tripulacións e as categorías serán as de alevíns, que percorrerán 500 metros, as de infantís 1.000, cadetes 1.500 e xuvenís e sénior masculino e feminino 3.000”, apuntou. Martínez destacou a implicación do Concello un ano máis neste evento, un dos que suma máis edicións a nivel autonómico, tal e como indicou. Este trofeo de bateis está enmarcado na Liga Galega Territorial Norte, co que será clasificatoria para a vindeira regata, que se celebrará en Rianxo a vindeira semana, tal e como avanzou o presidente do Club de Remo Narón. A alcaldesa e o edil de Deportes de Narón felicitaron aos representantes do Club de Remo Narón por organizar un ano máis esta convocatoria na cidade e desexáronlle éxito na cita que terá lugar mañá fronte ao resto de participantes.
www.naron.es