A ALCALDESA REUNIUSE HOXE CON RESPONSABLES DA ESCUDERÍA SIROCO NARÓN PARA PERFILAR O "XXXIV RALLY CIDADE DE NARÓN"
Marián Ferreiro avanzou que este evento deportivo celebrarase o vindeiro mes de xuño, os días 10 e 11, na cidade
Narón, 10 de marzo de 2022. A trixésimo cuarta edición do Rally Cidade de Narón desenvolverase os días 10 e 11 de xuño. A Escudería Siroco Narón organiza un ano máis este evento deportivo en colaboración co Concello e a Federación Española de Automobilismo. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, mantiveron esta mañá unha reunión con Antonio Sueiras e Ramón Padín, presidente e secretario e director da proba, respectivamente, da Escudería Siroco Narón para perfilar os últimos detalles do rally.
Ferreiro e Oreona visionaron cos representantes da Escudería Siroco Narón todos os tramos desta proba deportiva, que discurrirá polos concellos de Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas. A proba, tal e como avanzaron, será un ano máis puntuable para a Copa de España de Rallys de Asfalto e tamén para a Copa Clío Renault –que na anterior edición gañou o naronés Jorge Cagiao- e a Copa Kumho Tires.
“Na xornada previa ás competicións, o día 9 de xuño, realizaranse as verificacións administrativas e técnicas, para continuar o día 10 cos tramos de probas e clasificacións durante a mañá e a saída da primeira etapa ás 17.00 horas, realizando dous tramos a dobre pasada que se prevé que rematen sobre as 21.30 horas”, apuntaron dende a Escudería Siroco Narón. O último día, o sábado 11, “sairá asegunda etapa pola mañá, realizando os pilotos tres tramos a dobre pasada durante a mañá para rematar sobre as 15.30 horas e proceder á entrega de premios sobre as 18.00 horas”, indicaron.
O parque de asistencia estará un ano máis habilitado na zona do estacionamiento de camións do polígono de Río do Pozo e o parque pechado no aparcamento exterior de Odeón, na rúa Cataluña.
Dende a Escudería Siroco Narón agradeceron un ano máis a colaboración do Concello naronés neste evento deportivo, todo un clásico no mundo do motor dentro e fóra da comarca.
Pola súa banda, a alcaldesa destacou o “gran esforzo que realiza cada ano a Escudería Siroco Narón para organizar este rally, que é xa un referente nas citas deportivas da cidade e que este ano terá un novo formato e reunirá de novo a grandes profesionais do mundo do motor na cidade”. Ferreiro subliñou ademais que o evento representa “un importante reclamo para que a xente se achegue á nosa cidade e coñeza mellor a oferta local a nivel hostaleiro, cultural, deportivo…”.