Concello de Narón
Novas
A CIDADE ACOLLERÁ EN XUÑO UNHA DAS CINCO PROBAS GRAND SLAM QUE SE CELEBRAN AO ANO A NIVEL MUNDIAL E O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou un acordo de colaboración co presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó
Narón, 9 de abril de 2022. A cidade acollerá os días 24, 25 e 26 de xuño o Campionato de España de Latinos organizado pola Federación Española de Baile Deportivo e o Concello de Narón. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o presidente da FEBD, Luis Vañó, rubricaron esta mesma mañá no Consistorio o acordo que permitirá desenvolver este destacado evento deportivo na cidade, concretamente nas instalacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara e no Pazo da Cultura. No acto estivo tamén presente o concelleiro de Deportes da cidade, José Oreona e o presidente do Club de Baile Deportivo de Narón, Jesús Marcos. O Concello retoma un evento deportivo que se celebrou por última vez no ano 2015 na cidade e que nesta ocasión trae importantes novidades, tal e como se avanzou dende a organización. “É unha gran satisfacción poder celebrar na cidade este campionato de España, que ademais acollerá os campionatos estatais de danza coreográfica, de hip hop e de ritmos caribeños”, apuntou Ferreiro. A rexedora local destacou o feito de que “como novidade, por primeira vez tras decretarse a pandemia pola covid-19, retomarase en Narón esa fin de semana a proba Grand slam, a competición máis importante a nivel mundial, que aglutina os mellores especialistas de baile deportivo, e da que tan só se celebran cinco ao ano”. A rexedora local destacou que este campionato reunirá en Narón “ás mellores parellas do mundo de standard e latinos, polo que será unha excelente oportunidade para desfrutar do seu traballo”. Pola súa banda, o presidente da FEBD destacou que “para nós o día de hoxe é un día importante, na medida que presentamos unha gran competición en Narón despois de seis anos” e destacou que “despois de moitos anos en España imos ter as dúas competicións internacionais máis importantes no mundo de standard e latinos e Narón será a capital do baile mundial esa fin de semana”. Asó mesmo, agradeceu a colaboración do Concello naronés para poder realizar este evento. Ferreiro asegurou que o Concello de Narón e a Federación Española de Baile Deportivo a nivel de organización de eventos, “fomos pioneiros á hora de retomar a normalidade o antes posible, demostrando que é posible recuperala apostando conxuntamente por realizar este importante evento”. A convocatoria deportiva reunirá na cidade a máis dun milleiro de deportistas chegados de diferentes países do mundo, “que terán tamén a oportunidade de coñecer a nosa cidade”, asegurou.
www.naron.es