Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 650 PERSOAS PARTICIPARÁN MAÑÁ NAS DIFERENTES MODALIDADES DA CARREIRA "10K NARÓN" ORGANIZADA POLO CONCELLO E O CLUB DE ATLETISMO NARÓN
A celebración do evento implicará restricións no tráfico rodado en varios viais da zona urbana
Narón, 8 de abril de 2023. Un total de 653 persoas participarán mañá na primeira edición da carreira popular “10K Narón”, organizada polo Concello en colaboración co Club de Atletismo Narón. A proba disputarase por un circuíto polo tramo urbano, con saída e meta do pavillón polideportivo da Gándara e consta de diferentes modalidades. Na propia 10K, por un circuíto de 10 quilómetros en total (en dúas voltas), participarán un total de 280 persoas, se ben na 5K, por un circuíto de 5 quilómetros están anotadas 103 persoas na categoría absoluta e 22 na sub 18 e sub 20. A categoría sub 16 (nados 2007/2008) percorrerá 2.500 metros; a sub 14 masculino e feminino (nados 2009/2019), 1.500 metros; a sub 12 masculino e feminino (nados 2011/2012), un total de 800 metros; a sub 10 masculino e feminino (2013/2014) 600 metros e os peques (nadas/os nos anos 2015 e posteriores) un tramo de 150 metros. Ás 10.00 horas saíran os participantes nas modalidades 10K e 5K, se ben as restantes sairán dende as 11.15 ata as 12.25 horas. A proba está incluída no calendario oficial das competicións da Federación Galega de Atletismo. Haberá trofeos para as tres persoas mellor clasificadas e sortearanse varios agasallos ao remate do evento entre todos os dorsais, entre eles zapatillas de deportes, cestas de produtos, bonos de spa e de ximnasios, vales para ceas… Os participantes na carreira da categoría de peques, preto dun centenar de nenas e nenos, recibirán unha medalla. A celebración deste evento deportivo implicará unha serie de restricións no tráfico rodado que estarán debidamente indicadas, entre as 9.30 e as 11.15 horas aproximadamente. Esas restricións afectarán á estrada da Trinchera, un tramo da avenida do Mar, a estrada do Pavillón, as rúas Castelao, Cataluña, Irmáns Pita, entre outras localizadas polo tramo polo que discurrirá o circuíto.
www.naron.es