Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 300 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXII TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIUDADE DE NARÓN E CAMPIONATO GALEGO DE STANDARD"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos
Narón, 20 de abril de 2023. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este domingo, día 23, a vixésimo segunda edición do Trofeo de Baile deportivo Cidade de Narón, un evento que inclúe ademais o Campionato Galego de Standard. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento acompañados por Jesús Marcos, presidente do Club de Baile Deportivo Narón. O Concello organiza a convocatoria xunto o citado club local, estimándose a participación en máis de 300 deportistas chegados de diferentes concellos galegos. O trofeo inclúe as modalidades de caribeños, danza coreográfica, standard, latinos e single, nas diferentes categorías, dende xuvenil ata senior, tal e como indicou Marcos. “Haberá unha ampla representación de participantes de Narón, moitos dos que intentarán revalidar os títulos alcanzados o pasado ano”, asegurou. As diferentes competicións levaranse a cabo dende as 10.00 ata as 20.00 horas, aproximadamente. A alcaldesa asegurou que “é un pracer organizar de novo este trofeo na cidade, un dos máis consolidados e que alcanza a súa vixésimo segunda edición”. Así mesmo, destacou “a profesionalidade dos deportistas locais e tamén dos foráneos que participarán neste evento, do que poderemos desfrutar este domingo”, agradecendo a colaboración do Club de Baile Deportivo Narón na organización do mesmo.
www.naron.es