Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NO "II TORNEO CIDADE DE NARÓN DE MUS" QUE SE CELEBRARÁ A VINDEIRA SEMANA
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, informou que permanece aberto ata o 111 de agosto o prazo de inscrición no evento
Narón, 4 de agosto de 2023. A cidade acollerá o vindeiro 12 de agosto a segunda edición do “Torneo Cidade de Narón de mus”. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou a convocatoria xunto con David Díaz, Franciso de Solaún e Manuel Torres, vicepresidente, tesoureiro e vogal, respectivamente, da asociación Musnar. O Concello organiza a convocatoria coa citada entidade e a Federación Galega de Mus. Santalla informou que as persoas interesadas en participar poden anotarse ata o vindeiro día 11, ás 23.59 horas, a través da APP Mustotal. O torneo levarase a cabo nas instalacións do Hotel Valcarce, no polígono de Río do Pozo, dende as 10.00 ata aproximadamente as 23.00 horas. Entre os premios, tal e como avanzaron dende Musnar, están unha praza para o master do campionato de España e dúas para o campionato galego, ademais de cheques agasallo e trofeos, entre outros. Ao igual que na anterior edición, espérase a participación de xogadores e xogadoras procedentes de diferentes concellos galegos, maioritariamente de Pontevedra, Lugo e Ourense e tamén doutras comunidades. A asociación Musnar agradeceu ao Concello de Narón a súa aposta por convocar unha nova edición deste evento na cidade. Pola súa banda, o edil de Deportes destacou o labor da citada entidade, unha das de máis recente creación na localidade.
www.naron.es