Concello de Narón
Novas
O ESTADIO DE RÍO SECO E O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁN AS ACTIVIDADES SOCIODEPORTIVAS DO PLAN CORRESPONSABLES
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá xunto coa delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto; e o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, o Plan Corresponsables
Narón, 22 de agosto de 2023. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá xunto coa delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto; e o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, o Plan Corresponsables, impulsado pola Xunta e no que colabora o Concello naronés a través da FGF. As actividades levaranse a cabo entre agosto e novembro deste ano en instalacións municipais. O estadio de Río Seco e o pavillón das Lagoas acollerán a actividade sociodeportiva a través do fútbol sala que inclúe esta iniciativa, dirixida a menores de 6 a 16 anos e para a que está aberto o prazo de inscrición, de balde, a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.com, a través do que se pode obter tamén toda a información do Plan Corresponsables. Dende o Comité Galego de Fútbol e a Federación Galega de Fútbol explicaron que as sesións de fútbol e fútbol sala, impartidas por monitores especializados, se desenvolverán de luns a venres en horario de tarde e incidiron en que se conciben como unha iniciativa para fomentar nas familias a conciliación da vida laboral e familiar durante estes meses e, ao mesmo tempo, a igualdade mediante a práctica deportiva. “Trátase dunha iniciativa consistente na contratación de monitores titulados para a posta en práctica de actividades lúdco-deportivas co fin de que pais e nais de fillos menores poidan conciliar a súa vida”, explicaron dende o Comité e a Federación galegas de fútbol. Dende ambos organismos agradeceron “a colaboración e boa predisposición do Concello de Narón, así como doutros concellos que se irán sumando a este plan nos vindeiros días”. A delegada da Xunta puxo en valor “o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida a través da práctica deportiva e con propostas de conciliación que, neste caso, tamén permiten o equilibrio entre o tempo laboral, familiar e persoal” e amosou o seu convencemento de que a conciliación “é o mellor camiño para acadar a igualdade real”. Finalmente, o concelleiro de Deportes da cidade destacou “a importancia da colaboración entre administracións, neste caso a Xunta e o Concello, e a Federación Galega de Fútbol para impulsar iniciativas deste tipo, encamiñadas a fomentar a práctica do deporte entre as nenas e nenos e, ao mesmo tempo, ofrecendo ás familias un programa de conciliación da vida familiar e laboral, moi importante na sociedade”. Santalla incidiu na “forte aposta deste Concello por impulsar o deporte en xeral e tamén os programas de conciliación” e avanzou a disposición do goberno local que preside para colaborar en iniciativas encamiñadas nesta mesma liña.
www.naron.es