PRESENTADA A "XXXVII EDICIÓN DO MEMORIAL ADOLFO ROS" ORGANIZADO POR FERROL, NARÓN, NEDA E FENE
As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o vindeiro 29 de novembro
Ferrol, 15 de novembro de 2023. O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentou esta mañá a XXXVII carreira popular- Volta á Ría Memorial Adolfo Ros que este ano sairá da cidade departamental o domingo 3 de decembro ás 10:00 horas.
A proba está organizada polos concellos de Ferrol, Narón, Neda e Fene e no acto de presentación o rexedor estivo acompañado polos concelleiros de Deporte de ditos municipios, Ibán Santalla, Ángeles Puentes e Adán Chao respectivamente, así como polo irmán de Adolfo Ros, Xaquín Ros, e Luis Rilo en representación da empresa Rilo, patrocinadora do evento.
Rey Varela destacou a importancia desta cita deportiva que lembra a figura de Adolfo Ros, que perdeu a vida intentando salvar a dun grupo de nenos na praia de Doniños en 1985. “A súa heroicidade quedo gravada na memoria colectiva e 38 anos despois, seguimos a lembralo a través do parque litoral Adolfo Ros Rodal e coa carreira que hoxe presentamos”, afirmou o alcalde.
O percorrido será de media maratón (21 quilómetros) e a saída producirase nas inmediacións da praza de España para tomar a estrada de Castela cara Narón. O trazado proseguirá por Neda, Fene con volta a Ferrol.
Haberá trofeos para o gañador e gañadora absoluta da proba para os tres primeiros clasificados tanto masculinos como femininos da proba absoluta residentes en calquera dos catro concellos organizadores e para os tres primeiros clasificados locais de cada categoría (agás os peques nacidos no ano 2018 e anteriores).
O alcalde fixo un chamamento á participación da cidadanía na proba, poñendo de relevo o carácter aberto dunha carreira “na que teñen cabida todas as persoas que sexan capaces de completar o percorrido: sexan nenos ou adultos, profesionais ou afeccionados”.
Así mesmo, agradeceu a colaboración da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local dos catro concellos, das agrupacións de Protección Civil e da Asociación que agrupa ás familias afectadas por ataxia telangiectasia en España, Aefat. “Sen eles non sería posible celebrar unha carreira tan esixente como bonita nas condicións de seguridade necesarias”, manifestou.
A inscrición na carreira ten un custo de catro euros, mentres que os menores poderán participar de xeito gratuito. As persoas interesadas xa poden rexistrarse na web de Carreiras Galegas ata o 29 de novembro.
A retirada de chips e dorsais poderase efectuar o venres 1 de decembro de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:30 horas no polideportivo de A Malata, o sábado 2 de decembro de 10:00 a 13:30 no polideportivo de A Malata e de 16:00 a 20:30 horas na oficina de turismo da praza de España. O mesmo día da carreira poderán retirarse na oficina de turismo da praza de España en horario de 08:00 a 09:30 horas.