Concello de Narón
Novas
PRETO DE 800 ESCOLARES DE NARÓN E COMARCA PARTICIPARON HOXE NO "I CROS ESCOLAR CONCELLO DE NARÓN"
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e a edil de Ensino, Olga Ameneiro, acudiron ao evento, celebrado nas instalacións do colexio do Feal
Narón, 5 de decembro de 2023. O recinto do CPI O Feal acolleu esta mañá a primeira edición do “Cros escolar Concello de Narón”, no que participaron preto de 800 escolares de oito centros de ensino de Narón e comarca. O Concello de Narón organiza a convocatoria xunto co Club de Atletismo Narón e tamén colabora na mesma a Xunta de Galicia, a través do programa “Xogade” de campo a través. Os edís de Deportes, Ibán Santalla, e Ensino, Olga Ameneiro, acudiron ao evento e participaron na entrega de diplomas xunto con Miguel Soto, presidente do Club de Atletismo Narón e un representante da administración autonómica. Os participantes percorreron, en función das categorías, 400 metros, 800, 1.200 ou 1.500, disputándose as de benxamín, alevín, infantil e cadete feminino e masculino, respectivamente. As diferentes probas comezaron a desenvolverse ás 10:50 horas e a última carreira deste cros iniciouse ás 12:25 horas, procedéndose posteriormente á entrega de diplomas a todos os participantes. A convocatoria coincidiu coa conmemoración do 35 aniversario do Club de Atletismo Narón. Participaron no evento escolares dos colexios CPI do Feal, CPR Ayala e CEIP Piñeiros, de Narón e tamén de Unión Mugardesa, de Mugardos; CEIP A Xunqueira, de Fene, e CPI Ponzos e Juan de Lángara e San Xoán de Filgueira, de Ferrol. O edil de Deportes destacou a excelente acollida que tivo este evento na súa primeira edición e asegurou que “xa estamos pensando en organizar a segunda”. Santalla, xunto coa edil de Ensino, agradeceu a implicación do Club de Atletismo Narón e tamén do colexio do Feal para desenvolver a proba, valorando tamén a colaboración da administración autonómica.
www.naron.es