O CONCELLO ACOLLEU A PRIMEIRA REUNIÓN TÉCNICA DAS "21 LEGUAS, OS 101 QUILÓMTROS DE NARÓN" QUE SE CELEBRARÁ O 28 E 29 DE SETEMBRO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a xuntanza, na que participaron o edil de Deportes, Ibán Santalla; o presidente do Club Deportivo 21 Leguas, Óscar Somorrostro, e persoal de varios departamentos municipais implicados na proba
Narón, 20 de marzo de 2024. O Concello acolleu unha reunión técnica con cara a iniciar os preparativos da terceira edición das 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que acudiron o edil de Deportes, Ibán Santalla, e representantes do SPEIS e do departamento municipal de Prevención e tamén o presidente do Club Deportivo 21 Leguas, Óscar Somorostro. A rexedora local avanzou que o evento, que reuníu nas anteriores edicións a máis dun milleiro de participantes –en cada unha delas- chegados de diferentes puntos de España, se celebrará o 28 e 29 de setembro deste ano.
Dende o Consistorio naronés xa se realizaron as primeiras xestións de cara a solicitar os permisos necesarios para desenvolver esta proba deportiva, dirixida a ciclistas e marchadores en diferentes modalidades e que a maiores do termo municipal naronés discurre tamén polos de Ferrol, Valdoviño e San Sadurniño. A rexedora local destacou “a importancia de manter esta proba deportiva contando coa implicación doutras administracións e organismos, patrocinadores e, por suposto, do persoal que vela pola seguridade e saúde dos participantes durante o seu desenvolvemento, un tempo máximo de vinte e catro horas e de todo o persoal voluntario que se implica durante moitas xornadas para facelo posible”.
Dende o Consistorio explicouse que nos vindeiros meses se programarán novas reunións co fin de ir perfilando o evento e que se procederá tamén á apertura do prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en participar este ano.