A LIGA GALEGA DE BOCCIA ORGANIZADA POLO CONCELLO E A ASCM CELEBRARASE O 6 E 7 DE ABRIL NO PAVILLÓN DA MOCIDADE
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento xunto con Paula Gárate, presidenta da Asociación Cultural ASCM
Narón, 27 de marzo de 2024. O pavillón da Mocidade, na Gándara, acollerá o vindeiro 6 e 7 de abril a Liga Galega de Boccia. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento xunto con Paula Gárate, presidenta da Asociación Cultural ASCM. A Liga, tal e como indicaron, comezará na xornada deste venres en Vigo e terá continuidade esta fin de semana na cidade. A Federación Galega de Deporte Adaptado colabora neste evento.
O sábado disputarase o evento de 9:30 a 19:30, xogando as categorías BC3 e BC 5, un total de 18 partidos e o domingo, de 10:00 a 13:00 xogarán esas mesmas categorías un total de 10 partidos. “Esta é a primeira Liga galega de boccia que se xoga trala pandemia”, recordou Gárate, que explicou que haberá cinco árbitros autonómicos, ela entre eles, e dous nacionais.
O edil de Deportes destacou o traballo desenvolvido dende a ASCM co fin de celebrar esta liga autonómica na cidade e tamén o labor da entidade e do persoal voluntario para levar a cabo tanto este como outros eventos na cidade ao longo do ano. Satalla recalcou que “temos que continuar avanzando na plena inclusión e convocatorias como esta, dun deporte parlímpico para persoas con grandes discapacidades, é unha mostra máis dese camiño”.