Concello de Narón
Novas
O CONCELLO HOMENAXEOU ESTA MAÑÁ AOS EQUIPOS NARÓN KIDS E REVOLUTION UPA, CAMPIÓNS DO MUNDO DE DANZA COREOGRÁFICA NO CAMBRILS DANCESPORT 2024
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto, celebrado no transcurso do "XXIII Trofeo de Baile deportivo Cidade de Narón, e no que participaron representantes de toda a corporación local
Narón, 7 de abril de 2024. A celebración do “XXIII Trofeo de Baile deportivo Cidade de Narón” foi o lugar elixido polo Concello para homenaxear esta mañá aos equipos Narón Kids, do Club de Baile Deportivo Narón, e Revolution UPA, da academia Un Paso Adelante, tralo éxito acadado a pasada fin de semana no Campionato do mundo de danza coreográfica celebrado en Cambrils. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, na que tamén participaron o edil de Deportes, Ibán Santalla; os voceiros do PP, Germán Castrillón e PSOE, Silvia de Arriba, e a edil do BNG Beatriz Mosquera. Ao remate das cometicións matinais celebradas no pavillón polideportivo municipal da Gándara, procedeuse a chamar á pista aos integrantes de Narón Kids e Revolution UPA e da corporación local. Dende o Consistorio aproveitouse tan importante celebración na localidade para felicitar públicamente a ambos equipos. Revolution UPA alzouse como campión do mundo de danza coreográfica na categoría youth e Narón Kids, foi campión do mundo na categoría absoluta, impoñendose ante o resto de competidores nacionais e internacionais. “Sodes un exemplo a seguir de esforzo, traballo, constancia e dedicación. Un orgullo para a nos acidade e tamén para os vosos respectivos concellos, Ogallá manteñades no tempo ese liderado para que todas e todos nós poidamos seguir desfrutando do baile deportivo ao máximo nivel”, indicaron dende o Consistorio. Así mesmo, desexáronlles novos éxitos nas súas traxectorias deportivas “que viviremos coa máxima ilusión e orgullo todas as naronesas e naroneses”. A continuación, a corporación local procedeu a entregarlles a cada unha das campionas do mundo dos dous equipos un ramo de flores cunha medalla realizada en madeira e coa inscrición: “Parabéns por formar parte do equipo campión do mundo de danza coreográfica”. Así mesmo, recibiron de mans de Marián Ferreiro unha réplica da escultura “Anduriña”, realizada polo artista luso Manuel Patinha. Ao mediodía, tralo remate do acto, realizouse un descanso para continuar durante a tarde as competicións do “XXIII Trofeo de Baile deportivo Cidade de Narón, organizado polo Consistorio e o Club Baile Deportivo Narón.
www.naron.es