O "36 RALLY DE NARÓN" ORGANIZADO POLO CONCELLO E A ESCUDERÍA SIROCO NARÓN CELEBRARASE OS DÍAS 24 E 25 DE MAIO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, acudiu ao acto de presentación do cartaz acompañada dos edís de Deportes, Ibán Santalla, e Seguridade Cidadá, José Oreona
Narón, 11 de abril de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asistiu hoxe xunto cos edís de Deportes, Ibán Santalla, e Seguridade Cidadá, José Oreona, á presentación do cartaz do “36º Rally Cidade de Narón”, que tivo lugar no Centro Comercial Odeón. Na convocatoria estiveron tamén presentes Antonio Sueiras, presidente da Escudería Siroco Narón; Moncho Padín e Ramiro Fandiño, coordinador e xefe de seguridade, respectivamente, deste evento deportivo, e integrantes do Siroco Narón; a xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, e Francisco Zabaleta, xerente dos concesionarios Hyundai, que cederá os vehículos que participarán na caravana de seguridade do rally. Así mesmo, acudiron Fernando Sanmartín e Luis Toimil, piloto e copiloto respectivamente do Peugeot 206 XS co que correrán no evento e que permanecerá hoxe todo o día no Centro Comercial Odeón.
Esta nova edición da competición terá lugar, tal e como indicaron, os días 24 e 25 de maio, cun tramo total de 400 quilómetros que discurrirán, ademais de por Narón, polos concellos de San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido. O Rally será, por cuarto ano consecutivo, puntuable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA-Recalvi) e tamén para o primeiro Trofeo Traseras FAM53.
A rexedora local recalcou tralo acto que o Rally Cidade de Narón “é un dos eventos deportivos máis destacados da nosa cidade, reunindo a recoñecidos pilotos, copilotos e tamén a centos de afeccionados ao mundo do motor durante esa fin de semana, na que desfrutaremos de novo dunha competición ao máximo nivel”. Ferreiro felicitou á Escudería Siroco Narón “por realizar durante os últimos meses un traballo moi importante para que a nosa cidade poida acoller un ano máis este rally, que precisa da implicación de moitas persoas, tanto da Escudería como equipos, persoal voluntario, de seguridade, sanitario, patrocinios… para poder continuar desenvolvéndose con todas as garantías para os participantes e para o público”.