O CONCELLO CONVOCA TRES NOVAS ANDAINAS DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, anunciou hoxe as tres camiñatas que se levarán a cabo entre abril e xuño deste ano
Narón, 16 de abril de 2024. O Concello abrirá a vindeira semana, os días 22, 23 e 24 de abril, o prazo de inscrición na primeira das andainas programadas este ano no marco da iniciativa municipal “Ponte en ruta con nós”. O edil de Deportes, Ibán Santalla, avanzou que se programaron tres saídas, os días 28 de abril, 26 de maio e 16 de xuño, “todas elas pensadas para persoas de diferentes idades e encamiñadas a dar a coñecer o noso entorno e parte do patrimonio da cidade”.
“Volta á ría” é a saída programada para este mes, o día 28, duns 14 quilómetros e na que os participantes partirán ás 9:30 horas das inmediacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara cara ao mosteiro do Couto e o paseo de Xuvia para, unha vez no magnolio centenario, retomar o camiño de volta pola senda peonil e ciclista entre Xuvia e Freixeiro, pasando pola igrexa do Lodairo, A Picota e outros puntos da parroquia do Couto ata chegar de novo ao polideportivo da Gándara.
A segunda das saídas previstas é a da “Pena Molexa-Senda Ártabra”, duns 13,5 quilómetros e que terá lugar o 26 de maio. Neste caso o punto de encontro será no Centro cívico social do Val, dende onde e se sairá ás 9:15 horas cara á Pena Molexa, a Pena Lopesa, o Campo do Aveal, O Casal, Vilarquinte e o Monte da Lagoa, unhas zonas da citada parroquia cunhas espectaculares vistas. O prazo de inscrición nesta andaina permanecerá aberto os días 20, 21 e 22 de maio.
Finalmente, o día 16 de xuño terá lugar a terceira das andainas, pola “Ruta dos muíños-Mirador de Ancos”. Os camiñantes sairán ás 9:30 horas do magnolio do paseo marítimo de Xuvia para percorrer un tramo duns 13,5 quilómetros que irá pola ponte de Xuvia, as inmediacións do muíño de Xuvia, a presa do Rei, o muíño de Entrerríos e a ponte románica de Pielas cara ao mirador de Ancos para descender de novo ata a ponte de Xuvia. As inscricións deberán realizarse os días 10, 11 e 12 de xuño.
As persoas interesadas en participar poden anotarse os días anteriormente indicados, aboando 5 euros, nas oficinas do Padroado de Deportes (Estrada da Gándara, 148), en horario de 8:30 a 13:00. O número de asistentes está limitado a 150 por andaina e non se autoriza a participación de menores sen acompañamento do pai, nai ou titor/a. Para máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 981 387 522.
“Este programa ten cada ano unha excelente acollida entre as nosas veciñas e veciños, e confiamos en que así continúe sendo, porque representa unha magnífica oportunidade para coñecer máis polo miúdo moitos espazos, construcións e parte do patrimonio de Narón”, recalcou Santalla.