Concello de Narón
Novas
UNS 200 PALISTAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NA "I TRAVESÍA DE CAIAC DE MAR CONCELLO DE NARÓN"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento co presidente do Club de Piragüismo Narón, Óscar Niebla
Narón, 17 de abril de 2024. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou co presidente do Club de Piragüismo Narón, Óscar Niebla, a “I Travesía de caiac de mar Concello de Narón”, que se celebrará este domingo, día 21. Trátase dunha competición organizada polo Concello, o Club de Piragüismo Narón e a Federación Galega de Piragüismo que será puntuable para a Liga Galega de caiac de mar. O presidente do club local avanzou que participarán na convocatoria uns 200 palistas procedentes de clubs de diferentes localidades galegas. Na xornada disputaranse dúas regatas, unha con saída ás 15:00 horas, con saída e meta en Xuvia, duns dez quilómetros, e a segunda con saída ás 16:30 horas, tamén na zona de Xuvia, onde percorrerán un circuíto duns cinco quilómetros nas categorías cadetes e superiores. As modalidades que se disputarán son as de surf ski, tradicional (caiac) e sup paddle e participarán preto dunha decena de palistas do Club de Piragüismo Narón. O edil de Deportes naronés agradeceu o labor do club local, ao que desexou moita sorte na liga autonómica, e convidou á cidadanía a acudir a esta competición para animar ás persoas que participarán na mesma.
www.naron.es