Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN DAS LAGOAS ACOLLERÁ MAÑÁ A "II XORNADA DA LIGA GALEGA DE HALTEROFILIA"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento xunto con Susana Basoa, presidenta do club Gaman, e David Losada, presidente da Federación Galega de Halterofilia
Narón, 3 de maio de 2024. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Susana Basoa, presidenta do club Gaman, e David Losada, presidente da Federación Galega de Halterofilia, a segunda edición da Xornada Liga Galega de Halterofilia, que se celebrará mañá no pavillón das Lagoas. O Concello de Narón colabora nesta actividade, na que participarán un total de 115 deportistas procedentes dunha decena de equipos galegos. A competición desenvolverase en seis quendas, que terán lugar cada dúas horas, dende as 9:00 ata as 19:00 horas e haberá tamén unha exhibición da canteira propia do club Gaman, a cargo de once menores. Representantes que participaron na Copa da Raíña, deportistas que acudirán a competir aos mundiais… estarán presentes neste evento deportivo, no que puntuarán os cinco mellores de cada equipo. No caso dos menores, fomentarase pola técnica empregada, non pola forza, tal como indicaron dende a organización. O presidente da Federación Galega de Halterofilia destacou e agradeceu a colaboración do Concello na organización tanto desta xornada como da anterior edición e apostou pola continuidade das mesmas. Ao igual que a presidenta do club Gaman e o Concello, animou á cidadanía a acudir mañá ao evento, con entrada de balde, para seguir a competición.
www.naron.es