OS CAMPOS DE FÚTBOL DE RÍO SECO ACOLLERÁN ESTE SÁBADO A FASE INTERMEDIA DO CAMPIONATO GALEGO DE FÚTBOL 8
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá a convocatoria xunto con Pablo Prieto, vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol e Abraham Yáñez, delegado da RFGF en Ferrol
Narón, 21 de maio de 2024. Os campos do estadio de Río Seco acollerán este sábado, dia 25, a fase intermedia do Campionato galego de fútbol 8, nas categorías alevín, benxamín e prebenxamín. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá a convocatoria xunto con Pablo Prieto, vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol e Abraham Yáñez, delegado da RFGF en Ferrol, que colabora co Concello de Narón neste evento, organizado pola Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo.
Na competición participarán dez equipos, os máis representativos de cada delegación da zona norte (coas delegacións de Ferrol, A Coruña, Lugo, Santiago e a subdelegación da Costa). Os partidos da fase intermedia terán unha duración de 15 minutos cada tempo e dous de descanso, mentres que na final serán de 25 por tempo e cinco de descanso, tal e como se contempla na normativa. Xogarán o Real Club Deportivo da Coruña, o Sada Club de Fútbol; o Club Deportivo Calasanz; o Racing de Ferrol; o EF Concello de Carnota, o Cidade de Ribeira Club de Fútbol, o Club deportivo Conxo, de Santiago, o Bertamiráns Club de Fútbol, o Club deportivo Lugo e o CP Casás. Os partidos disputaranse entre as 9:45 e as 20:30 horas.
Máis de 500 deportistas entre menores e técnicos participarán nesta convocatoria, na que se prevé que se despracen á cidade preto dun milleiro de persoas, tal e como indicaron dende a Federación Galega de Fútbol.
Neste campionato haberá dúas clasificacións en cada unha das categorías, que pasarán á fase final que se celebrará en Cambados o 1 de xuño con deportistas da zona norte e da zona sur, de Ourense, Pontevedra e Vigo.
Dende a Federación Galega de Fútbol agradeceron a implicación do Concello de Narón neste e noutros eventos deportivos que se levan a cabo na cidade.
Así mesmo, o edil de Deportes destacou o compromiso do citado organismo co deporte en xeral e coa cidade en particular, onde é toda unha satisfacción, asegurou, acoller este campionato. Santalla animou á cidadanía a acudir a ver estes partidos e desfrutar dunha xornada de fútbol en Río Seco.