Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ÚLTIMA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, informou que con motivo da fin de tempada se ofrecerán callos aos participantes ao remate da camiñata
Narón, 10 de xuño de 2024. O Padroado de Deportes mantén aberto dende hoxe ata o mércores día 12 o prazo de inscrición na terceira andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”. A camiñata, tal e como recordou o edil de Deportes, terá lugar este domingo, día 16, e consistirá nun percorrido duns 13,5 quilómetros pola Ruta dos Muíños e o mirador de Ancos, a realizar en aproximadamente tres horas e media. O punto de encontro dos camiñantes será en Xuvia, debendo estar xunto ao magnolio do paseo marítimo vinte minutos antes do inicio do percorrido. Dende a ponte de Xuvia os participantes sairán cara ao muíño de Xuvia e irán ata a Presa do Rei para, dende alí, dirixirse a Pedroso, o muíño de Entrerríos, a ponte romática de Pielas e o mirador de Ancos para regresar dende este útlimo punto cara á ponte de Xuvia. Ao remate da andaina, haberá na zona de paseo de Xuvia racións de callos para todos os participantes, con motivo do remate do programa “Ponte en ruta con nós” desta tempada. As persoas interesadas en participar deben inscribirse nas oficinas do Padroado de Deportes (estrada da Gándara, 148) en horario de 8:30 a 13:00. Poderán acudir un máximo de 150 persoas, debendo asistir os menores de 18 anos acompañadas do pai/nai ou titor/a. O prezo da inscrición é de cinco euros por persoa. Para máis información pódese contactar co Padroado de Deportes chamando ao número de teléfono 981 387 522. Santalla recordou que a andaina deste domingo será a última programada antes da tempada estival, sumándose ás xa realizadas nos meses de abril e maio. O edil naronés animou ás veciñas e veciños a inscribirse nesta actividade, non competitiva e pensada “para facer exercicio ao aire libre e coñecer parte do patrimonio da nosa cidade”.
www.naron.es