Concello de Narón
Novas
NARÓN ACOLLE A COPA DEPUTACIÓN DA CORUÑA DE FÚTBOL, UN CLÁSICO DO FÚTBOL CORUÑÉS QUE ESTREA NOVO FORMATO
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, acudiu á presentación do evento, cuxos partidos se celebrarán os días 16 e 22 de xuño no estadio municipal de Río Seco
A Coruña, 11 de xuño de 2024. Narón será a sede da Copa Deputación da Coruña, un clásico do fútbol da provincia que este ano estrea novo formato. Por primeira vez, a competición enfrontará aos catro clubs masculinos e aos catro femininos vencedores das copas oficiais da Federación Galega de Fútbol na provincia, que son a Copa A Coruña, Copa Costa da Morte, Copa Ferrol e a Copa Sar. Así o anunciou esta mañá o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, nun acto celebrado na Deputación para o sorteo dos emparellamentos, no que tamén participaron o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, o secretario da Federación, Diego Batalla, o edil de Deportes de Narón, Iván Santalla, e varios presidents dos clubs que disputarán esta competicion. A Copa Deputación da Coruña 2024 repartirá un total de 28.000 euros en premios, recibindo 5.000 euros e un trofeo os campións, 4.000 euros os subcampións, 3.000 euros os terceiros clasificados e 2.000 euros os cuartos. O sorteo dirimiu tanto os cruces como os horarios dos partidos, que se celebrarán no Estadio municipal de Río Seco con entrada de balde para os afeccionados e afeccionadas. Serán eliminatorias a un único partido e con quenda de penaltis para dirimir ao gañador no caso de que haxa empate ao fin do tempo regulamentario. Semifinais este domingo e gran final o sábado 22 de xuño Este domingo 16 de xuño celebraranse as catro semifinais. O día arrincará ás 10:00 horas coa disputa do Victoria CF B - Xallas CF por un posto na final feminina. Á partires das 16:30 horas, o gañador desa primeira eliminatoria coñecerá ao seu rival, que sairá do cruce entre EFM Boiro e O Val SD. Mentres, no cadro masculino, o San Tirso SD e o Sigüeiro CF xogarán ás 12:30 horas a primeira semifinal. O segundo enfrontamento, que pechará o día, comezará ás 19:00 horas e medirá ao Dumbría CF e a O Val SD. A gran final será o sábado 22 de xuño e os gañadores das categorías masculina e feminina da Copa Deputación da Coruña conseguirán unha praza para a Supercopa Deputación, que disputarán cos gañadores das outras competicións homólogas que se xogan nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense. O vencedor da Supercopa Deputación participará na fase previa da Copa do Rei de fútbol a vindeira tempada. Toda a información, resultados, incidencias e notificacións desta competición realizaranse a través da páxina web www.futgal.es e a intranet da propia federación, nunha xanela específica para a I Copa de Fútbol Afeccionado Deputación da Coruña. Unha Copa Deputación tamén para o fútbol base Durante a súa intervención tras sortear os equipos, o deputado de Deportes, Antonio Leira, recalcou que a Copa Deputación será “unha gran festa do fútbol” que “aposta pola igualdade”. “A igualdade é algo necesario en todas as facetas da vida e, polo tanto, no deporte. Ten que ser latente e demostrarse con feitos. Nesta Copa Deputación é unha igualdade de condicións, de méritos e de trofeos entre os equipos masculinos e femininos”, apuntou Leira. O responsable de Deportes tamén adiantou que a aposta polo deporte e, en concreto, polo fútbol “non remata aquí”. “A Deputación ten moi claro que a mocidade debe ser a bandeira do deporte na provincia. Por iso, xunto coa Federación Galega de Fútbol, estamos a preparar a Copa Deputación da Coruña para mozos e mozas”, matizou. “Esperamos poñela en marcha a partires de setembro ou outubro en categorías infantil e cadete. Consideramos que pode ser un escaparate importante e que os deportistas más xoves merecen unha copa deste estilo, cun formato parecido que terá presencia en todo o territorio”, sinalou Leira O deputado tamén quixo agradecer a colaboración da Federación Galega de Fútbol, coa que existe “unha comunicación total” e a “predisposición de Narón” para acoller o evento. Ademais, non se quixo esquecer “do traballo altruísta de directivos e directivas, para os que esta Copa Deputación da Coruña pode ser un bonito colofón á tempada”. Pola súa banda, o edil de Deportes de Narón, Iván Santalla, recoñeceu que o seu municipio “agarda cos brazos abertos” o evento. “Esperamos ter as instalacións nas mellores condicións. Desde logo, será en parte grazas á axuda da Deputación, que cofinancia algunhas estruturas deportivas e suma a súa implicación cando toca investir”, engadiu o edil naronés.
www.naron.es