Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NA CARREIRA DE ORIENTACIÓN DO FESTIVAL GULLIVER FEST
A convocatoria celebrarase o vindeiro 10 de agosto no marco do festival da cultura viaxeira en Pedroso
Narón, 12 de xullo de 2024. A programación do festival da cultura viaxeira Gulliver Fest que se celebrará do 9 ao 11 de agosto en Pedroso incluirá un ano máis unha carreira de orientación. Esta cita será o sábado día 10, ás 10:00 horas, e está xa aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en participar, ata un máximo de 250 persoas, tal e como avanzou a edil de Turismo, Natalia Hermida. A iniciativa está impulsada polo Concello de Narón, a asociación Furgo Galicia e o club Raid Gallaecia. O formato desta carreira será rogaining e terá dous percorridos, un de iniciación -apto tamén para principiantes- e outro ultrascore rogainig, cun formato nesta última modalidade individual aínda que se poderá progresar durante toda a carreira en parellas, acompañando, no caso de que así o decidan os participantes, tal e como se estipula nas bases. As inscricións poden tramitarse ata o 4 de agosto, debendo abonar os menores de 14 anos unha cota de 5 euros para a modalidade de iniciación e os menores de 14 a 18 en iniciación unha de 10 euros, ao igual que as categorías de adultos e ultrascore rogaining. A estas contías hai que engadir 2 euros pola licencia dun día para as persoas que non estean federadas en deporte de orientación. As inscricións poden realizarse a través da web: gulliverfest.naron.gal. En canto aos premios, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina de rogaining.
www.naron.es