Concello de Narón
Novas
UNHAS 150 PERSOAS ESTÁN XA INSCRITAS NA QUINTA EDICIÓN DA CARREIRA NOCTURNA CIDADE DE NARÓN
O Concello e o club local Pasa ou Entorna organizan a convocatoria, que se desenvolverá o día 17 de agsoto na cidade
Narón, 1 de agosto de 2024. A cidade acollerá o vindeiro día 17 ás 21:30 horas unha nova edición, a quinta, da Carreira nocturna Cidade de Narón, na que están xa inscritas preto de 150 persoas. O Concello e o Club Pasa ou Entorna organizan a convocatoria, para a que permanece aberto o prazo para anotarse –aboando 7 euros- ata o día 13 deste mes ás 12:00 horas, a través da web: www.sportmaniacs.com ou da aplicación saudeter live. A saída e a meta estarán na Praza de Galicia e establecéronse catro categorías: senior e veterano A, B e C, para persoas a partir de 16 anos. En todos estes casos os participantes percorrerán un tramo de 7.000 metros, por diversas rúas da zona urbana. Haberá trofeos para os tres mellor clasificados masculinos e femininos tanto na categoría xeral como os/as tres primeiros/as de cada categoría. Tamén se entregará un agasallo ao corredor e á corredora de maior idade e entregarase o premio “Gadis” especial para o tramo de subida de “A Picotiña”, para o corredor e a corredora que realicen no menor tempo o tramo esa subida, duns 450 metros, que será cronometrado, e que ademais queden clasificados nos 30 primeiros postos do seu sexo na categoría xeral. Os premios inclúen un especial para o club con máis corredores inscritos na categoría absoluta -200 euros para canxear no mesón A Bodeguilla- Antes do inicio das carreiras xerais terán lugar as de menores, a partir das 20:00 horas e nas categorías de gazapos, coelliños, coellos e lebres (nados entre os anos 2009 e 2020), que percorrerán distancias de entre 100 e 1.200 metros en función da idade. O custe destas inscricións é dun euro e haberá unha medalla e agasallos sorpresa para os participantes, ao ser unhas carreiras sen clasificacións para fomentar neste caso o deporte popular e na rúa sen competitividade. A recollida de dorsais será o venres 16 en horario de 18:00 a 21:00 en Dequip Galega Sport (estrada Batalla de Brión, 1, baixo, en Ferrol) e o sábado 17, día da celebración, entre as 10:30 e as 13:00 e dende as 19:00 ata media hora antes da proba no Auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia, na zona de saída da proba. As persoas interesadas poden informarse de toda a actualidade do evento a través das redes sociais do club Pasa ou Entorna (Facebook e Instagram).
www.naron.es