Concello de Narón
Novas
O PRAZO DE INSCRICIÓN NA QUINTA EDICIÓN DA CARREIRA NOCTURA CIDADE DE NARÓN REMATARÁ MAÑÁ
Na xornada previa ao peche de inscricións están anotadas máis de 350 persoas
Narón, 12 de agosto de 2024. A carreira nocturna Cidade de Narón contaba a primeira hora desta mañá cun total de 354 persoas inscritas nas diferentes categorías. O Concello organiza a convocatoria xunto co club Pasa ou Entorna e as persoas interesadas en participar no evento, que terá lugar este sábado, poden aínda inscribirse ata mañá martes ás 12:00 horas a través da web: www.sportmaniacs.com ou da aplicación saudeter live. Na quinta edición da carreira nocturna Cidade de Narón, cun percorrido de sete quilómetros polo centro urbán, están apuntados un total de 266 persoas; mentres que nas categorías de lebres (2009-2011), onde se percorrerán 1,2 quilómetros, hai 6; na de coellos (2012-2014), cun tramo de 650 metros, hai 22; na de coelliños (2015-2016), con 450 metros, están inscritos 17 menores e na de gazapos (2017-2020), de 100 metros, un total de 43. As carreiras darán comezo ás 21:30 horas no caso da absoluta, se ben no resto dos casos serán ás 20:00 horas, con saída e meta sempre na Praza de Galicia. Haberá trofeos para os tres mellor clasificados masculinos e femininos tanto na categoría xeral como os/as tres primeiros/as de cada categoría. Así mesmo, haberá un agasallo para o corredor e a corredora de maior idade e entregarase o premio “Gadis” especial para o tramo de subida de “A Picotiña”, para o/a que realice no menor tempo o tramo esa subida, duns 450 metros, que será cronometrado, e que ademais queden clasificados nos 30 primeiros postos do seu sexo na categoría xeral. O club con máis corredores inscritos na categoría absoluta obterá un premio, tal e como consta nas bases, de 200 euros para canxear no mesón A Bodeguilla. Os dorsais poderán recollerse este venres en horario de 18:00 a 21:00 en Dequip Galega Sport (estrada Batalla de Brión, 1, baixo, en Ferrol) e o sábado 17, xornada da carreira, entre as 10:30 e as 13:00 e dende as 19:00 ata media hora antes da proba no Auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia.
www.naron.es