O CAMPO DE FÚTBOL DO VAL ACOLLERÁ ESTE DOMINGO A SÉTIMA EDICIÓN DO TORNEO XUVENIL SINDE´S CUP
O edil de Deportes, Ibán Santalla, informou que en horario de mañá e tarde xogarán o Racing de Ferrol, o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo
Narón, 13 de agosto de 2024. O campo de fútbol do Val acollerá este domingo, día 18, a sétima edición do Torneo xuvenil Sinde´s Cup, en horario de mañá e tarde. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, desprazouse ás citadas instalacións deportivas para presentar a convocatoria xunto con representantes da entidade que coorganiza o evento co Concello, a Sociedade Deportiva O Val.
As semifinais deste torneo disputaranse pola mañá, a partir das 10:30, hora na que dará comezo o partido entre o Racing de Ferrol e o Deportivo da Coruña. A continuación, ás 12:00 horas iniciarase o dos xogadores do Club Deportivo Lugo e o Celta de Vigo.
Pola tarde será o turno da final de consolación, a partir das 17:30 horas, e a final deste Torneo xuvenil Sinde´s cup será ás 19:00 horas.
As persoas interesadas en asistir poden retirar as entradas nas oficinas do clube ou no despacho de billetes, ata o venres, a partir das 19:30 horas. O prezo para a xornada completa é de 10 euros, mentres que o de media xornada é de 7 e os menores de 16 anos pagarán un euro.
Dende a organización animaron ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a acudir á convocatoria. O edil de Deportes naronés destacou “a oportunidade que suporá poder ver esta nova edición do torneo e desfrutar do fútbol animando aos equipos participantes”.