Concello de Narón
Novas
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NA TERCEIRA EDICIÓN DO "TRAIL COSTA ÁRTABRA"
O Concello organiza a convocatoria xunto coa Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón
Narón, 1 de setembro de 2024. A terceira edición do “Trail Costa Ártabra” celebrarase o vindeiro día 15 deste mes na cidade. O Concello organiza este evento deportivo xunto coa Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón, unha proba que será puntuable para a carreira Ultra Trail de Montblanc (UTMB Index) cuxa final se celebrará en Chamonix (Francia) en 2025. As persoas interesadas en asistir dispoñen poderán inscribirse ata o 10 de setembro, incluído, na web: www.rockthesport.com. A Pena Molexa, a Pena Lopesa e os acantilados do Val forman parte dos atractivos patrimoniais e naturais da cidade polos que discurrirá parte do trazado desta proba, que consta de catro modalidades. Un trail longo, de 27 quilómetros con saída ás 9:00 horas); un curto de 14 (9:45 horas) e dúas andainas, unha curta de 8 quilómetros (9:30 horas) e outra longa de 12 (9:15 horas), esta última unha das novidades deste ano. A saída e a meta –o peche será ás 13:30 horas- establecéronse nas inmediacións do centro cívico social do Val. Poderán participar maiores de 18 anos, excepto na andaina, na que os menores poderán ir previa autorización do pai/nai ou titor/a. Dende o Consistorio recalcouse que o seguro do evento non cubre ás persoas maiores de 69 anos, que poderán asistir baixo a súa responsabilidade e coberturas médicas propias. A proba está limitada á participación dun máximo de 300 persoas e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría, masculina e feminina, en sénior e veteráns. Haberá tamén un agasallo para o corredor e a corredora con mellor tempo no trail longo.
www.naron.es